Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Manifestación a prol da lingua

"Todas as organizacións sindicais, partidos e mesmo votantes do PP"

'Queremos Galego' fai un chamado global a "todos aqueles que entendan conculcados os seus dereitos lingüísticos".

Redacción - 14:00 18/09/2009
A organización agarda aumentar a participación do pasado 17 de maio, cando se sumaron 40 mil persoas á manifestación

A organización agarda aumentar a participación do pasado 17 de maio, cando se sumaron 40 mil persoas á manifestación

Cando falta exactamente un mes para a celebración da manifestación en defensa da nosa lingua que promove a recentemente constituída plataforma Queremos Galego, os seus representantes fan un chamamento para que se sume a esta protesta toda a cidadanía que estea en desacordo co "ataque que está a sufrir o noso idioma". Neste chamado teñen cabida, segundo destacou un dos portavoces do colectivo, Xurxo Souto, "todas as organizacións sindicais, partidos políticos e mesmo votantes do PP", é dicir, "todos aqueles que entendan conculcados os seus dereitos lingüísticos".

Neste sentido, a plataforma, integrada por máis de 50 colectivos e adhesións individuais, adiantou que mantén conversas co PSdeG e con sindicatos como Comisións Obreiras (CCOO) e Unión Xeral de Traballadores (UXT) para animalos a participar nesta manifestación. Souto avogou por "recuperar o pulso" e "o poder da palabra" por parte da mocidade quen, malia seren os que máis valoran o galego, son o colectivo no que máis falantes se perden".

A Iniciativa Lexislativa Popular, tamén en marcha
Outro dos obxectivos que se marcou esta entidade na súa formación é a de impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que exixa a garantía dos dereitos lingüísticos dos galegos, un trámite que se iniciará a vindeira semana no Parlamento. Segundo explicou outro dos portavoces da plataforma, Fran Rei, a ILP axustarase aos prazos polo que, logo da súa presentación, iniciarase o período dun mes para que a Mesa da Cámara responda sobre a súa aceptación.

A partir dese momento, comezará o proceso de recollida de sinaturas para o que se dispón de tres meses (até febreiro de 2010). O número mínimo exixíbel para que a ILP poida ser debatida no Parlamento é de 15 mil, unha cifra que os promotores da iniciativa confían en sumar. "O único que pedimos", insistiu Rei, "é que se cumpra a lexislación vixente en materia de normalización lingüística, máis nada".


4,86/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: