O líder dos socialistas asegura que "erguer un muro arredor de Portugal" poderá levar a que o país veciño morra de abafamento.
O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, criticou a actitude "reducionista" e "illacionista" do PSD portugués, ao que lle advertiu que "se cre que lle irá mellor erguendo un muro arredor de Portugal, equivócase", en referencia á súa intención de frear a construción do TAV a Galiza.
Nunha entrevista concedida á cadea radiofónica Cope, o dirixente socialista censurou a "visión tan conservadora" e recomendoulle ao país veciño "investir nos sectores produtivos" para se integrar "no modelo europeo". Engadiu que "non hai saída para modelos ultranacionalistas", que levarán "a morrer de anoxia económica, social e de modernización". "O futuro pasa por que cada vez as murallas sexan máis permeábeis", precisou Vázquez. "Non vale meterse nunha burbulla ou nun frasco de alcol".
Noutra orde de cousas, Vázquez afirmou que só se sairá da crise "cando todos os partidos se dean a mano e antepoñan os intereses da cidadanía aos do partido". No caso de Galiza, defendeu que o Goberno debe "buscar acordos" para que "non decaian os servizos públicos".
Aínda que asumiu que "non hai fórmulas máxicas", lamentou que o PPdeG estea "escollendo o camiño de aplicar unha maioría mínima". "Da crise non se sae só e hai que ser moi fachendoso para crer que un só pode con todo", dixo Vázquez.
A nivel estatal, explicou que as dificultades "vanse acrecentar", porque o Estado Español vivía "pendurado do sector inmobiliario", polo que sufrirá "dúas crises: a económica mundial e a de cambio de modelo", que ao final "nos dotarán de maior estabilidade". Por iso, avogou por crear "un país que sexa como o resto dos países europeos", cunha economía baseada nas empresas e nos sectores produtivos e non "en facer pisos para vendérmonos uns aos outros".
No entanto, valorou as medidas aplicadas por José Luis Rodríguez Zapatero porque "sempre buscan axudar a quen máis o precisa". Opúxoo a Mariano Rajoy, do que dixo que se opón á suba dos impostos pero pretende "que se lles pague aos desempregados, aos concellos, que se faga o TAV e se pague a dependencia, iso é enganar a xente", afirmou o dirixente dos socialistas.