A ex-conselleira de Pesca criticou a decisión do Goberno de permitir a planta de Touriñán e de retirar outros catro proxectos do anterior plan.
A ex-conselleira de Pesca e deputada do PSdeG Carme Gallego díxolle este mércores ao presidente de Pescanova, José Manuel Fernández de Sosa, que en Galiza "non se pode vir a colonizar nada", en referencia ao anuncio do permiso a instalar unha planta acuícola en Cabo Touriñán.
Gallego preguntouse "que diferenza existe entre empresarios galegos que queiran investir na Costa da Morte e crear postos de traballo e un empresario que conseguiu dobrarlle o xeonllo a Núñez Feijoo para cumprir o seu soño persoal".
A dirixente socialista acusou o presidente da Xunta de "ceder ás presións dun único empresario" e de "paralizar o futuro" do resto, en relación ás catro piscifactorías suprimidas no novo plan. Lembrou que o Goberno de Manuel Fraga declarara Touriñán como espazo da Rede Natura e que as catro plantas anuladas polo Executivo de Feijoo estaban en zonas non protexidas. Así, lamentou que eses empresarios afectados non recibisen comunicación oficial da decisión e que se elimine a posibilidade "de crear 633 postos de traballo directo e un investimento de 200 millóns de euros".
Gallego anunciou que o PSdeG fará "todo o posíbel" para que "Núñez Feijoo non sexa quen de paralizar a acuicultura en Galiza e estragar a nosa paisaxe".
Resposta de Pescanova
Pescanova respondeulle a Carme Gallego alegando que "querer investir nunha comunidade na que ten a súa sede e chamarlle colonizar é unha contradición" e asegurou que Galiza é "prioritaria para Pescanova en todos os sentidos". Segundo a empresa, despois de presentar o proxecto dunha planta acuícola en Touriñán, seguiu "perfectamente" todos os trámites "até que o bipartito tomou a decisión de non seguir adiante".
Tamén negou que a Consellaría de Pesca dirixida por Carme Gallego tivese algo que ver coa ampliación da planta de Xove, a de Cambados ou a de Cervo. "Hai poucos sitios en Galiza en que se pode facer unha planta de acuicultura e todo o que sexa investir é bo", asegura a empresa.