Mariano Rajoy tentou, sen éxito, que o presidente do goberno español dese detalles sobre que impostos subirán.
O presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, anunciou no Congreso que a reforma fiscal na que traballa o executivo elevará a presión até non máis do 34,5% do PIB. Nesa porcentaxe situábanse os impostos cando chegou ao poder. Actualmente está no 32,8%, segundo Zapatero.
En resposta a unha pregunta do PP, Mariano Rajoy, durante a sesión de control ao goberno español, Zapatero asegurou que o seu partido manterá o seu compromiso electora, que nos últimos cinco anos baixou "en dous puntos do PIB a presión fiscal", coa redución do imposto de Sociedades e a supresión do de Patrimonio.
Cualificou a suba de impostos de "limitada e temporal nalgúns casos", porque é o que "necesita España" para afrontar a crise, mantendo a protección social e o investimento produtivo "para crear emprego".
Rajoy tentou, sen éxito, que Zapatero aclarase que impostos quere subir e denunciou que os socialistas pasasen de ter un superávit público do 2,7% do PIB a un déficit do 10% cunha "política de gasto desmesurada" e que a súa política social se traducise en "4,3 millóns de parados".
Pola súa banda, Rodríguez Zapatero asegurou que as reformas fiscais permitirán cumprir co obxectivo de non superar o 3% de déficit público en 2012, ao que está obrigado polo Pacto de Estabilidade europeo.