Vigo acolle a sexta edición da World Fishing Exhibition que este ano vén acompañada dunha mostra aplicada á acuicultura contra o impacto ambiental.
Vigo volve a ser punto de encontro da industria pesqueira mundial. A finalidade desta sexta convocatoria da Feira Mundial de Pesca é dar a coñecer os últimos avances tecnolóxicos e ao mesmo tempo ofrecer respostas aos grandes retos do sector no século XXI. Os organizadores calculan que na edición do 2009 da World Fishing Exhibition (WFE) se moverán máis de 500 millóns de euros, o que suporía un aumento do 30% das cifras rexistradas en 2003.
O presidente da WFE, Alfonso Paz Andrade, afirmou que a exposición espera reunir a máis de 70 mil profesionais do sector a nivel mundia, maior afluencia que outros anos, xa que a crise “obriga a xente a ser máis selectiva e acudir só aos certames con relevancia mundial”. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou que a organización da WFE é un “reto” ante a adversidade económica e que a súa celebración xa supón “un éxito”.
Rusia, Malaia, India, Corea, China, Lituania, Tailandia e Turquía asisten por primeira vez ao certame. O recinto feiral de Cotogrande onde se celebra a WFE está situado a sete minutos do centro da cidade. A feira pesqueira que se celebra cada seis anos, xa tivo lugar en Vigo noutras ocasións, a última en 2003.
Tampouco ten precedente no marco da WFE o certame Aqua Farming International que está destinado á industria da acuicultura e á redución do impacto ambiental. Entre as novas propostas destaca un sistema de gaiolas para o cultivo de peixes en mar aberto.
A WFE presentará tamén unha ampla oferta de equipos para a pesca coa última tecnoloxía en máquinas e instrumentos para detectar peixe e para a navegación. Ao mesmo tempo, o Ministerio español de Medio Mariño organiza a primeira cimeira mundial sobre a sustentabilidade pesqueira. Así mesmo, a V Conferencia Mundial de Ministros de Pesca centrarase na loita contra a pesca ilegal. Ao rematar a conferencia darase a coñecer a Declaración de Vigo.