A axencia Opera Romana Pellegrinaggi, do Vaticano, fretará voos directos entre as dúas cidades santas do Catolicismo para que a mocidade "redescubra a fe".
Bieito XVI albisca o Vaticano dende un avión
A chegada de peregrinos a Compostela no ano xacobeo terá unha nova vía, máis cómoda. A axencia Opera Romana Pellegrinaggi, xestionada polo Vaticano, iniciará na semana santa voos chárter directos entre Roma e Compostela, operados pola compañía Air Mistral. A súa intención é atraer "sobre todo xente nova".
O padre Cesare Atuire, administrador delegado da axencia, chegou a Compostela no primeiro dos voos da compañía, xunto cuns 130 pasaxeiros procedentes de Italia e de Polonia. Ademais de atraer xente nova durante o Xacobeo para que percorra o Camiño de Santiago e "redescubrir os valores da fe", o avión levará peregrinos galegos a Roma, cubrindo unha oferta "que non posúen outras compañías regulares".
Os voos durarán, en principio, até o outono aínda que se podería "ampliar até decembro". O número de ligazóns tamén poderá ampliar segundo a demanda. Opera Romana Pellegrinaggi tamén organiza viaxes por vía aérea a Xerusalén, Lourdes, Fátima e Turquía. En 2008 transportou 200 mil pasaxeiros.