O rexedor do Concello de Cariño, Xosé Luís Armada, reclamou a determinación das causas do naufraxio do Hermanos Landrove. A volanteira cariñesa que afundiu na madrugada do martes a unhas 15 millas da costa de Cedeira foi remolcada até a rada de Caneliñas pola noite. Armada urxe unha análise do acontecido para evitar novas traxedias.
O alcalde considera que mentres tanto “nada impide” que poida producirse “outra desgraza” noutro porto, xa que o acontecido “non é normal en circunstancias de calma absoluta”. Armada quixo recordar, ademais, que o navío entrara en servizo hai menos dun ano. Por iso, engadiu que no caso de que o desprazamento da carga fose o causante da viraxe do barco, sería preciso o restabelecemento dun protocolo neste tipo de buques. Se o fose un defecto estrutural ou de construción, recalca que haberá que remitirse ao estaleiro encargado da súa fabricación.
O rexedor asegurou que os veciños de Cariño están “apenados”, aínda que tamén “sorprendidos” por unha “traxedia inesperada”, á que non se lle atopa explicación. Así mesmo, sinalou que todos permanecen á espera dos informes técnicos dos peritos que examinen o buque. Os seis tripulantes que se salvaron do naufraxio prestarán declaracións o xoves. O Concello da localidade coruñesa determinou o martes coma día de loito, coincidindo co funeral do patrón do Hermanos Landrove, Andrés Landrove. O acto terá lugar na igrexa parroquial da Pedra, en Cariño, onde naceu o mariñeiro de 49 anos.