O deputado español Santiago Cervera asegura que o texto presentado era un "borrador" que se presentou perante os medios por erro.
Santiago Cervera
O PP rectificou e recoñeceu que "meteu a zoca" ao propoñer a pasada quinta feira no Congreso dos Deputados que se lles restrinxise o acceso ás redes sociais aos menores de idade. A proposta contemplaba a prohibición total ás persoas menores de 14 anos e exixirlles o consentimento dos proxenitores aos menores de 18.
Un dos autores do texto, o deputado Santiago Cervera, comentou no blog de Enrique Dans que a proposta feita pública nunha conferencia de prensa era só un "borrador" que o seu compañeiro de grupo Alfonso Alonso "tomou como conclusión definitiva", un "erro que calquera podería cometer".
Cervera asegurou que "entre os centos de papeis" en que traballou o PP, un contiña propostas no eido da internet e das redes sociais, pero "era un borrador, que no meu exemplar tiña innumerábeis riscaduras en vermello, por considerar algunhas propostas inasumíbeis". Aínda que o PP tentou rectificar o erro mediante "unha nota posterior", "xa era tarde", engade Cervera.
A última nota indicaba que o partido conservador lles recomendaba aos pais e nais de adolescentes de entre 14 e 18 anos que tivesen "coñecemento das actividades dos seus fillos nas redes sociais".