O PP propuxo un paquete de medidas contra a violencia que exixe autorización paterna para que os menores accedan á web 2.0.
O Partido Popular propuxo no Congreso dos Deputados que as persoas menores de 18 anos non poidan acceder ás redes sociais da internet sen a autorización dos seus proxenitores. Os deputados Alfonso Alonso, Arturo García Tizón e Santiago Cervera explicaron esta proposta, que forma parte dun Plan Integral contra a Violencia entre os Menores. A principal reforma deste paquete contempla reducir a idade penal dos 14 aos 12 anos.
Os populares queren que os menores de 14 anos non poidan participar en ningunha rede social e que, até os 18, precisen de consentimento, teñan perfís privados e deban indicar o seu nome e documento de identidade. Ademais, Alfonso Alonso pediu máis medidas de seguridade na rede e que se inspeccionen páxinas web para que os menores non poidan acceder "sen control a contidos violentos".
A resposta da voceira socialista de Novas Tecnoloxías no Congreso, Lourdes Muñoz, é que a proposta do PP vai "en contra dos dereitos do menor de acceder á información e socializarse coas súas amizades". Ademais, engadiu que "á dereita", só se lle ocorre "prohibir, cando o que se debería facer é educar". Afirmou que non hai necesidade de implantar o consentimento, do mesmo xeito que tampouco o hai "para ir ao cine, para abrir un enderezo de correo electrónico nin para mercar un libro".
A iniciativa tamén recibiu rapidamente críticas na rede. Por exemplo, o xornalista e blogueiro Ignacio Escolar salienta a contradición que se produce ao pedir que un menor de 12 anos poida ir á cadea pero non teña liberdade para participar en redes sociais até seis anos despois.