O centro mantén tres mostras previstas polo anterior director e cancela a exposición de Artur Zmijewski por petición do artista polaco.
O Centro Galego de Arte Contemporánea vén de anunciar a súa programación para o outono, coa que pechan o calendario expositivo deste ano. Son tres exposición xa incluídas no programa para o 2009 que o CGAC anunciou en novembro do ano pasado, cando Manuel Olveira era o seu director. Agora que o centro carece de dirección de xeito provisional, o centro mantén estas tres mostras, pero non así outras dúas actividades anunciadas para estes meses. Cancelouse a exposición do artista polaco Artur Zmijewski e adiouse a participación de Ibon Aranberri no proxecto “A trama rururbana”.
Cancelada polo propio artista
Artur Zmijewksi ía realizar en Santiago a súa primeira exposición monográfica no Estado. Segundo Manuel Arroyo, xerente do CGAC, “o propio artista pediu que se retirase a súa exposición sen expoñer razóns” pouco tempo despois da destitución de Olveira.
Outro cambio sobre a axenda herdada do anterior director é o adiamento da participación de Ibon Aranberri no proxecto “A trama rururbana”. O artista vasco tiña previsto desenvolver a parte expositiva do proxecto no que traballa desde hai dous anos: unha investigación sobre a construción tradicional e a etnografía dos Ancares. Arroyo explica que a exposición resultante do proxecto “non dá tempo para montala no tempo previsto, polo que queda suspendida polo momento e pasará para máis adiante”.
As que si se poderán ver son as mostras da Escola de Boston, Dora García e “RMS” La Asociación. O 24 de setembro ábrese a mostra fotográfica “Familiar Feelings”, que presentará máis de 150 pezas e numerosa documentación sobre os integrantes da chamada Escola de Boston, entre os que se atopan nomes claves da fotografía do século XX, como Diane Arbus, Larry Clark e Nan Goldin. O 8 de outubro ábrese a exposición “Onde van os personaxes cando remata a novela?” de Dora García, e xa en decembro inaugúrase “Sur le dandysme aujourd´hui. Do manequín no escaparate á estrela mediática”, un proxecto de “RMS” La Asociación.
Agardando o novo director
E ata aí chega a previsión de programación no centro. A decisión sobre a data de realización da exposición de Ibon Aranberri e o novo calendario expositivo a partir de xaneiro será competencia da persoa aínda non escollida para dirixir o CGAC. O encargado de despexar a incógnita de quen sucederá a Manuel Olveira é o xurado de sete expertos presidido por Manuel Borja-Videll. A finais deste mes reunirase para avaliar as quince candidaturas recibidas, polo que é posible que o novo director ou directora tome o mando a finais de setembro ou en outubro. A partir de aí, terá que deseñar en pouco tempo o programa expositivo do ano 2010.