O primeiro Mesoirock&Folk conta cun cartel cento por cento galego e cun concurso de maquetas dirixido aos grupos do barrio coruñés.
Miguel Costas encabeza o cartel do Mesoirock&Folk
Novo Mesoiro estrea festival. O barrio coruñés que mudou en poucos anos o seu aspecto rural para converterse nunha zona urbanizada e moi populosa, acolle o 4 e o 5 de setembro a primeira edición do Mesoiroc&Folk. Grupos galegos de rock, folk, hip hop e música electrónica forman o cartel dun certame que inclúe tamén un concurso de maquetas para grupos locais.
O anterior líder de Siniestro Total, Miguel Costas, encabeza o cartel do festival para o venres. Acompañarano Seissenseis, TST, DjTrape, Arte en Tinta, DJ Héctor Morán e DJ Pablo Ferreiro. O sábado pasarán polo escenario da rúa dos Ancares os ferroláns Riff Raff, Jacobo Paz & Dos Mundos, Tonhito de Poi con Rasa Loba, Alann-Bique e Muxarega.
O festival busca a implicación do barrio, para o que na súa primeira edición cónvócase un concurso de maquetas dirixido aos grupos do barrio, que se podería logo estender ás bandas novas do resto da cidade. A concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, sinalou que o festival nace coa intención de "durar moitos anos".