O Foro Social, que se opón á construción dun porto deportivo, organiza xornadas abertas para debater sobre o conflito xerado no municipio.
O conflito pola construción dun porto deportivo en Cangas tamén se transforma en debate de ideas. Un exemplo é a programación do Foro Social que comeza esta fin de semana. Dende esta plataforma, que se opón ao proxecto urbanístico, consideran crucial este intercambio de ideas antes de que o vindeiro 11 de setembro se produza o paro da frota de baixura de toda a ría de Vigo.
A primeira mesa redonda terá lugar este venres ás 19 horas na lonxa da localidade. Co título de “Massó: que se pode facer legalmente?” disertarase sobre as leis portuarias, urbanísticas, o dominio público e as competencias das diferentes administracións.
O domingo o debate, tamén ás 19 horas, vai xirar arredor do seguinte lema: “Massó: a organización cidadán diante dos abusos do capital”. Na mesma mesa, segundo afirman os organizadores, vaise discutir o fenómeno da “marbellización” de Cangas.
O martes terá lugar outra mesa co título de “Massó: recursos pesqueiros e emprego”. Na mesma avaliarase o posíbel impacto das obras do porto deportivo na actividade pesqueira e marisqueira. O xoves, día 3, tócalle quenda a “Massó, espazo público e ecoloxía”. Finalmente, o sábado 5 rematarán os encontros na lonxa cun debate que leva por lema “que facer en Massó”.
Dende o Foro calculan unha duración de dúas horas para cada debate, con quendas para a intervención de todos os asistentes, para logo consensuar un posicionamento común sobre os diferentes temas tratados.