Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Outro xeito de promocionar a lectura

Os libros saben mellor con pan de Carballo

Na Praza dos Libros, que arranca este xoves na vila de Bergantiños, os libreiros comparten protagonismo cos produtos de feira.

Redacción - 18:45 26/08/2009

O Concello de Carballo aposta por promocionar os libros e a cultura facendo que sexan parte da vida cotiá. E que mellor maneira que facendo coincidir a súa feira literaria coas feiras tradicionais da vila, que xuntan a veciños e veciñas de toda a comarca de Bergantiños. Do xoves 27 ao domingo 30 de agosto a Praza dos Libros instálase no xardín municipal de Carballo, con presentacións literarias, recitais e outras actividades culturais e lúdicas.

Durante estes días, os libros en Carballo comparten espazo cos mellores produtos alimentarios. O xoves 27 pola mañá a Praza dos Libros convive coa Feira Tradicional de Carballo e o domingo 30 co Feirón de Verán 2009, onde se compran e venden os mellores produtos de tempada da zona. Ademais os libros veñen cun pan baixo o brazo; o agasallo para os que na mañá do domingo merquen un libro será un pan da marca Pan de Carballo.

Un programa amplo
Para acompañar o pan e as compras, o programa da Praza dos Libros inclúe un bo abano de actividades relacionadas co libro e a lectura. A feira abre o xoves pola mañá co pregón de Quico Cadaval, que ese mesmo día presenta ao público as súas “Fantasmas familiares”. Ao longo dos catro días de feira haberá contadas de contos, circo de rúa, cinema infantil e teatro. O domingo gravarase un capítulo da serie de internet Para mariñeiros nós, protagonizada por Suso Lista e Manolo de Laxe, e dirixida por Omar Rabuñal.

E como a praza é de libros, tamén hai lugar para as presentacións literarias. En Carballo presentaranse a antoloxía poética De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía da Costa da Morte, coordinada por Miro Villar e Modesto Fraga; Marcelo o morcego, de Beatriz Fraga; Olladas dun intre de amor, de Alberte Suras; O misterio na selva de Ngorongón, de Alberto Varela; Contos azuis, de Fernando Cabeza Quiles; Sidecar, de Alberto Lema e A cociña de Larpeiros, de Benigno Campos.

Máis libros en Monforte
O libro de cociña de Benigno Campos é un dos éxitos do verán. Impulsado polo tirón do programa televisivo do que saen as receitas, é un dos máis vendidos nas librarías nos últimos meses e o seu autor está presente na maioría das últimas feiras do libro. Tamén estará na de Monforte, que se celebra do mércores 26 ao sábado 29 na rúa do Cardeal.

Ademais de A cociña de Larpeiros, en Monforte preséntanse Cando eu sabía ler, de Yolanda Castaño e Xosé Tomás, e Dende a outra beira, de Moncho Borrajo.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: