A consellaría destaca que o servizo poderá xestionar até 20 mil chamadas ao día. Na última semana seis persoas foron hospitalizadas por mor da doenza.
A preocupación pola incidencia da gripe A está obrigando a que as administracións tomen medidas extraordinarias. No noso país, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, acaba de anunciar que dende o vindeiro 14 de setembro o Sergas vai contar cunha central telefónica que atenderá as dúbidas relacionadas con esta doenza. Para cubrir o servizo a quendas, a Xunta vai destinar un total de 240 teleoperadores e profesionais sanitarios que teñen formación específica.
O servizo poderá xestionar até un máximo de 20 mil chamadas diarias. Porén, Farjas xa adiantou que, en caso de que se superen as previsións de consultas, procederase á contratación de máis persoal para a atención telefónica. Os cidadáns poderán chamar ao 061 ou ao 902 400 116. En caso de risco, serán os propios profesionais os que deriven ao doente a un centro sanitario.
Seis persoas hospitalizadas na última semana
A conselleira confirmou que seis persoas permanecen hospitalizadas en Galiza por mor da gripe A. A metade das mesmas permanecen en coidados intensivos.
No que respecta ás vacinas, Farjas sinalou que están á espera de que o Ministerio de Sanidad dispoña delas. Porén, sinalou que a campaña de vacinación para a gripe estacional está previsto que comece o 28 de setembro e que remate o 13 de novembro.