A conselleira de Sanidade participa o venres nunha semana de teoloxía na Coruña sobre o “profetismo”.
Pilar Farjas en xuño na Comisión de Sanidade do Parlamento
Este venres a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, explicará aos asistentes á Semana de Teoloxía e Pastoral da Coruña como se vive o compromiso político desde a fe. A súa comunicación forma parte do programa da semana que organiza a Fundación Hogar de Santa Margarita, desde o xoves 27 ao domingo 30 de agosto.
O tema central das xornadas é o do profetismo. Ademais da intervención da conselleira, no programa figuran conferencias como “A profecía na Igrexa ao longo do tempo”, “Dimensión profética da Igrexa” ou “Militancia cristiá e compromiso sociopolítico”.
Pilar Farjas está a dar mostras nos seus primeiros meses como conselleira dunha gran afinidade cos postulados da xerarquía eclesiástica en relación a temas vinculados á súa área, como o aborto e os métodos anticonceptivos. En maio o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez criticouna por participar nun acto de homenaxe en Madrid ao Arcebispo Antonio María Rouco Varela.
Medidas regresivas
A titular de Sanidade manifestou nos seus primeiros meses á fronte da Consellaría a súa oposición ao anteproxecto de Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e Interrupción Voluntaria do Embarazo que promove o goberno español, sinalando que "adoece de transparencia ou calidade democrática" e de "criterio xurídico o médico". Tamén declarou que "onde debe radicar a verdadeira liberdade da muller é en poder sacar adiante un embarazo". Farjas asinou o primeiro convenio da Xunta coa Universidade Pontificia de Salamanca e avogou por subir ata os 18 anos a idade mínima para consumir alcol.
O Sergas deixou de promover o parto natural alegando que a alta demanda dispararía o prezo do servizo, e anunciou a necesidade da receita médica para conseguir a pílula poscoital, a chamada “do día despois”. Ao mesmo tempo, o PPdeG impulsa no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular promovida polo grupo antiabortista “Red Madre” que propón dotar con cargos públicos a unha rede asistencial para mulleres embarazadas xestionada por ese grupo.