O piragüista Alfredo Bea lidera unha plataforma integrada por 24 clubes, esixindo a dimisión de Modesto Teijeiro.
A inasistencia a pasada fin de semana do presidente da Federación Galega de Piragüismo, Modesto Teijeiro Valledor, ás probas que se realizaron no Pontillón, esgotou a paciencia dun amplo sector do piragüismo galego. Entenden desde os clubes que o máximo mandatario evitou asistir a esta competición para escapar á petición de explicacións reiterada nos últimos tempos desde o sector.
Por este e outros motivos, a denominada plataforma Desde Dentro envíalle este mércores aos medios de comunicación unha nota, asinada por 24 clubes, onde esixen a dimisión de Teijeiro Valledor. A petición formal foi xa presentada a primeira hora do luns na sede da propia Federación. Os denunciantes engaden o recente desplante de Valledor a "outras frontes abertas", incluídos os cambios na xunta directiva, nomeando asesor persoal seu o ex presidente da Federación Española de Piragüismo, Santiago Sanmamed, a quen lle atribúen a pilotaxe na sombra da Federación Galega.
De xeito concreto, o grupo de clubes liderado polo piragüista Xosé Alfredo Bea denuncia a existencia dunha factura de "comisións indebidas", que Teijeiro Valledor tería solicitado a título particular, "non para a Federación", ao presidente da federación estatal, "por considerarse imprescindíbel na obtención por parte do organismo estatal dunha subvención de 100 mil euros do FROM, dependente do Ministerio do Medio Rural e Mariño. "Todo isto contribúe aínda máis ao burato económico que padece a federación debido á súa xestión", critican. Consideran os denunciantes que "por hixiene democrática" o presidente da entidade debera dimitir.