Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Performance “Conversatório”

Oferta: 10 minutos de conversa por só un euro

Por tres días Quico Cadaval instalarase nun escaparate da rúa Real de Ferrol para charlar con quen queira pagar este prezo módico.

Redacción - 17:20 18/08/2009

As últimas semanas de rebaixas de verán gardan unha sorpresa en Ferrol. No escaparate do número 44 da rúa Real, Quico Cadaval ofrece conversas a un euro. O que queira participar só ten que pagar a tarifa convida e iniciar unha charla de 10 minutos que os demais só poderán ver a través do cristal.

O narrador, autor, actor e director teatral presenta a súa performance “Conversatório: medias variáveis” do martes 18 ao xoves 20 de 18 a 22 horas. Quico Cadaval, co apoio dunha vendedora de tempo, sométese a conversas nas que o tempo é repartido entre o artista e o cliente, empregando pra iso un reloxo de xadrez. Os que pasan pola rúa poden ver a conversa, pero non oíla. Cadaval garante o segredo sobre o tema e o contido da conversa, mentres que os clientes son libres de difundila e incluso terxiversala.

Quico Cadaval comprobou que o público non se contenta con observar a acción. “A xente quere escoitar, aínda que algúns recoñéceno e outros non”. Os espectadores que se paran diante do cristal queren ter o dereito a oír e hai incluso quen protesta por non poder seguir as palabras da conversa. “É parte da cultura actual: o dereito á intimidade está esmagado polo dereito a inmiscirse na intimidade dos demais”.

Amsterdam, o confesionario e os Monty Python
O obxectivo de “Conservatório” é “elevar a conversa, descontextualizala e colocala como un obxecto de arte para que adquira todo o seu sentido”, sinala Cadaval, para quen “a conversa parece algo cotiá, gratuíto, e esta acción evidencia que custa tempo e diñeiro”. Unha das claves da performance é o reloxo de xadrez e o concepto de reparto do tempo: “a xente cre que o tempo é compartido, pero o certo é que é repartido: o tempo que fala un non o fai o outro”.

“Conversatório” remite aos escaparates do Barrio Vermello de Amsterdam: “a xente cre que ama a quen quere e fala con quen quere, e aquí falas con quen paga”, di Cadaval. Tamén ao confesionario, pola busca de alivio e a idea do segredo de confesión. Quico Cadaval apunta outra referencia: unha escena dos Monty Python na que a xente pagaba por discutir.

A performance chega a Ferrol logo de pasar polo Festival de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e o Festival PAN de Morille (Salamanca). A peza exhibiuse por primeira vez o verán pasado na presentación dun disco de Ecléctica Ensemble no entorno do CGAC en Santiago.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: