Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
No Festival dos Abrazos

Unha manifestación na que ninguén reivindica nada

L.I.B.A. Colectivo dálle unha volta artística ao flashmob, convocatorias colectivas para accións absurdas que se estenden desde a Rede.

Redacción - 12:30 12/08/2009

Simular unha gran pelexa, ir camiñando e caer redondo, abrazar as árbores, comer bananas, lanzar avións de papel de cores, permanecer como estatuas humanas... Un grupo de performers toman este mércores 12 o paseo da Alameda en Santiago de Compostela para executar estas e outras accións, nunha revisión desde o mundo da arte contemporánea do flashmob

Os flashmobs, das palabras en inglés flash (lampo) e mob (multitude), son grupos amplos de persoas que se xuntan nun espazo público, fan algo inusual e logo se dispersan. O primeiro con éxito tivo lugar nuns grandes almacéns de Nova York no 2003, cando un cento de persoas rodearon unha alfombra alegando que a querían comprar en grupo e todos tiñan que opinar. 

Desde entón, os flashmobs correron á velocidade de banda ancha a través dos medios que máis se empregan para convocalos: Internet e os teléfonos móbiles. En Galicia xa se realizaron algúns: en novembro do ano pasado unha guerra de almofadas en Vigo, e en maio deste ano un conxelamento colectivo na Coruña.

Xutar botes de coca-cola
A de Compostela non será unha convocatoria en liña, senón unha intervención do grupo L.I.B.A. Colectivo para poñer de manifesto a eficacia e o poder dos medios telemáticos e deste tipo de propostas autoorganizadas. A intervención forma parte do apartado Off do Festival dos Abrazos, dedicado a novas propostas creativas.

A peza leva o nome de Investigaccións e nela desenvolven vinte microaccións mesturándose cos paseantes. A primeira é queixarse do retraso dunha performance. A última correr despavoridamente. No medio van un feixe de actos máis ou menos absurdos: berrar gol, subir aos bancos para facer de fontes, darlle patadas a botes de coca-cola ou facer unha manifestación na que non se reivindica nada.

Actos con capacidade reivindicativa
En apariencia o carácter lúdico e a carencia de sentido son características propias dos flashmobs, pero en moitos casos aos participantes móvenos reivindicacións sociais e políticas. No caso de L.I.B.A. Colectivo os obxectivos son "cuestionar os comportamentos humanos nos espazos públicos, en especial a colectividade ou o comportamento das masas, experimentando cos códigos de conduta social establecidos".

O grupo xurdiu hai menos dun ano da facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo co propósito de desenvolver propostas afastadas das prácticas habituais na arte contemporánea. Até o de agora xa colaboraron con institucións de referencia como a Fundación Serralves do Porto e o centro de arte e creación industrial LABoral de Xixón.


3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Guerra de almofadas en Vigo, novembro de 2008.

Conxelamento colectivo na Coruña, maio de 2009.