Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Terra de Soños en Castrelos

Sempre e mais despois, lembranza da luz que agromou das tebras

Fuxan os Ventos volve a Vigo este mércores, 21 anos despois da súa última actuación na cidade.

Redacción - 12:00 12/08/2009

"Un grupo mítico que forma parte do pasado e do presente". Así os presentaba esta semana o concelleiro vigués de Cultura, Xesús López, recordando o longo período desde a última vez que os veciños puideron asistir na cidade a un concerto desta formación. "Co seu espectáculo farannos recordar a todos aqueles que vivimos os anos 70 como atopar luz e esperanza no medio das tebras existentes nese momento político", expuxo, destacando o "compromiso con Galiza" do grupo.

Moito choveu desde que un grupo de rapazas e rapaces que gustaban de cantar no coro do seu colexio lugués armaron un conxunto de música tradicional que, bautizado Folk 72 (era o ano 1972), recibiu o favor do público e o primeiro premio do festival das San Lucas, en Mondoñedo. O tema co que aquel día triunfaron, Fuxan os Ventos, daríalle nome ao grupo de aí en diante. Un proxecto musical que xuntou compromiso, denuncia e reivindicación dun pobo, un idioma e unha cultura propia.

Adicados na actualidade cada un dos seus membros a diversas actividades profesionais fóra do contorno musical, nos últimos anos volveron xuntarse en diversas ocasións e para proxectos puntuais. Botaron así á luz por exemplo os discos Sempre e mais despois (1999) e Na memoria dos tempos (2002). E en 2008 foron protagonistas do espectáculo Terra de Soños. Ían daquela case dúas décadas da súa última actuación oficial e Compostela era escenario da que foi unha espectacular e emotiva iniciativa musical que quedou recollida nun vídeo-disco. Nas próximas semanas haberá tres oportunidades de volver velos: a deste mércores 12 en Vigo (ás 23 horas), o próximo 25 de agosto en Ferrol e nas festas do San Froilán en Lugo o próximo outubro.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: