Os centros privados recibirán máis de mil millóns de euros nos vindeiros catro anos. Entre eles atópanse os que separan aos alumnos por razón de xénero.
Os cinco centros do Opus Dei situados en Galiza que apostan por unha educación diferenciada manterán as súas subvencións
Logo de que o Goberno bipartito aprobase nos últimos días do seu mandato unha nova orde de concertos educativos na que se estabelecía a imposibilidade legal de que os centros que segregasen por razón de sexo puidesen seguir recibindo cartos públicos, o PP botou agora por terra aquela decisión. O Consello da Xunta aprobou os novos concertos cos centros privados para os vindeiros catro anos e entre os seus beneficiarios volven estar os cinco colexios galegos que escolarizan a nenos e nenas en aulas separadas.
En concreto, os 255 centros privados do país recibirán nos vindeiros cinco anos un orzamento de 1.034,5 millóns de euros. Este presuposto distribuirase en 90,1 millóns para este exercicio e outros 259,1 para cada un dos tres anos seguintes (2010-2012) e outros 167,1 millóns para o 2013. A parte proporcional destas cantidades tamén irá parar aos cinco colexios que quedaran excluídos das axudas do bipartito, que entendía que a educación diferenciada é discriminatoria: o Montespiño e Peñarredonda (na Coruña) e Las Acacias, Montecastelo e Aloya (en Vigo). Dous deles só admiten nenos, mentres que os outros tres son exclusivamente femininos.
O único colexio ao que non se lle renovou o concerto é o Nebrija Pardo Bazán, de As Pontes, por falta de alumnado. Dos 255 que recibirán novamente cartos do Goberno, 106 atópanse na provincia de Pontevedra, 102 na Coruña, 29 en Ourense e 18 en Lugo.
Reaccións
Esta medida xa recibiu as súas críticas e os seus parabéns. Dunha banda, o PSdeG lamentou a actitude do Goberno porque "entendemos que aqueles centros que voluntariamente queren formar parte da rede de centros concertados teñen que cumprir a mesma normativa que os centros do sistema público". O voceiro socialista, Guillermo Mejón, denunciou o que considera unha "privatización sistemática" do sistema educativo e acusou á Administración de converter ao público "na ovella negra", logo de que para o bipartito fose "a perla da coroa".
Na mesma liña reaccionaron os sindicatos STEG, CIG-Ensino ou CCOO, sindicatos que alentaran e apoiaran a medida adoptada polo goberno bipartito de eliminar estas axudas e que xa alertaban de que a medida non podía ter volta atrás.
Pola súa parte, as patronais da educación privada recibiron a noticia con satisfacción, ao igual que o sindicato USO, que incorpora aos profesores destes centros. Cece Galicia e Escuelas Católicas-Educación y Gestión felicitáronse da decisión e entenderon que "responde á legalidade e axústase a dereito". Na mesma liña se manifestou a Consellaría de Educación, quen remarcou que estas asignacións están determinadas nos seus orzamentos "segundo as recomendacións marcadas polo Ministerio de Educación" e "axústase a dereito".