Os activistas interporán denuncia por vía administrativa contra a organización da "feira taurina da Coruña" pola colocación de cartaces.
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas interporá unha denuncia por vía administrativa contra a organización da Feira Taurina da Coruña pola colocación de carteleiría sobre este evento nos farois e iluminación da cidade. Segundo informou o colectivo en nota de prensa, a súa asesoría xurídica está a preparar unha denuncia "pola colocación indebida de carteleiría publicitaria nos farois, actuación prohibida na actual ordenanza municipal de xestión de residuos municipais e limpeza varia".
O seu voceiro, Rubén Pérez, asegurou que con esta medida esperan "acabar co favoritismo da casa do concello cara a certas actividades, e restablecer o cumprimento da ordenanza". Así mesmo, sinalou que a organización presentará no rexistro municipal do Concello da Coruña unha denuncia por vía administrativa, "que incluirá varias probas documentais, unha copia da ordenanza municipal e un informe". Con respecto ao goberno local herculino, avanzou que trasladarán ao Valedor do Pobo "unha queixa con respecto á falta de actuación municipal". "É inconcibible que un organismo público non aplique as propias regras que promulgou en pleno, con esta actuación queda bastante claro o colaboracionismo coa industria taurina, e o maltrato animal", condenou.