Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Feijoo fará outro reparto

A Xunta derrogará o decreto eólico e renunciará á participación pública

O Consello da Xunta iniciará este xoves a anulación do proceso pilotado polo bipartito e poñerá a andar a nova estratexia do PP para o sector, que inclúe a renuncia a cota pública nos parques e a creación dun canon ambiental.

Redacción - 10:25 05/08/2009

"Facémolo por responsabilidade e para dotar de seguridade xurídica un proceso que tería consecuencias graves e imprevisíbeis para a Xunta", xustificou este mércores en comparecencia diante dos medios o conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra, ao tempo que anunciaba a derrogación do decreto eólico deseñado polo anterior Goberno. Asegurou o conselleiro que as posíbeis compensacións a empresas afectadas, se así o decidisen os tribunais, serán menores que as que se derivarían dunha sentenza que botase abaixo, "dentro duns anos e cos parques xa instalados", o proceso aprobado polo bipartito. Guerra asegurou que a revisión xurídica do decreto e adxudicacións anteriores fíxose "sen presións" e "sen prexuízos" e insistiu en que se fundamentou en informes previos que xa manexara o conselleiro anterior, o nacionalista Fernando Blanco, como é o caso do estudo ao respecto que o Consello Consultivo en 2007.

"De seguir adiante estaríamos conscientemente tramitando un procedemento ilegal", advertiu a continuación o director xeral de Industria, Anxo Bernardo Tahoces. O ex deputado do PP asegurou que "ningún" dos actos administrativos do anterior Goberno neste proceso adquirira firmeza, polo que as empresas adxudicatarias simplemente pasaran "un filtro" pero "non adquiriran ningún dereito".

O paso dun decreto a un marco legal con rango de lei, implica segundo o conselleiro a eliminación de "eivas legais e funcionais" que agoiraban unha "alta litixiosidade". "Váiselle dar plena seguridade xurídica ao sector", defendeu Guerra, prognosticando que a nova lei "pacificará" o sector eólico e creará o "consenso necesario para o desenvolvemento do sector".

"Tachas de legalidade insalvábeis"
Posteriormente, o director xeral de Industria fixo repaso da argumentación que, ao fío do informe da asesoría xurídica, expón o Goberno para xustificar a derrogación. Son media ducia de detalles que comezan cualificando de "ilegalidade infranqueábel" a fórmula utilizada polo anterior executivo para asegurar a participación pública nos proxectos eólicos. Segundo expuxo Tahoces, a Lei de Patrimonio de Galicia advirte de que é imprescindíbel o acordo do Consello de Goberno para autorizar unha participación da Xunta que, co bipartito, quedaba restrinxida á decisión dun só conselleiro.

O director xeral botou man tamén da Constitución para asegurar que se vulneraba o artigo 38 onde se garante "o principio de liberdade de empresa", así como o artigo 9.3 no que respecta ao principio de seguridade xurídica. Referiuse en concreto á ausencia de garantías de execución dos plans industriais, así como a ausencia do estabelecemento de consecuencias derivadas do incumprimento deses plans. A maiores, denunciou a conculcación da lei do sector eléctrico no que lle toca ás incompatibilidades para a intervención pública. Un defecto engadido do decreto do bipartito sería a inexistencia da obriga de acreditar a capacidade de evacuación á rede, esixencia que, asegurou Tahoces, o anterior equipo da consellaría substituíu por "outra figura" de dubidosa legalidade. Por último, mencionou que no procedemento de outorgamento non se estaría cumprindo coas previsións da directiva que regula o mercado europeo.

Renuncia a participación pública e canon de entre cero e 5.900 euros por muíño
Logo da paralización expresa do decreto, a Xunta achegará o proxecto de lei que, segundo avanzaron Guerra e Tahoces, contempla a introdución dun "canon ambiental" e a creación, cos fondos de aí recadados, dun Fondo de Compensación Ambiental do que se beneficiarían fundamentalmente os concellos afectados polos parques eólicos.

A nova taxa eximirá de tributación a aqueles parques con menos de 3 muíños. Os parques de até 7 muíños pagarán até 2.300 euros por máquina, e entre 8 e 15 aeroxeneradores a cantidade sobe a 4.100 euros. Todos os que superen as 15 instalacións pagaran un máximo de 5.900 euros. Asegura a Xunta que isto implica o ingreso acumulado de 600 millóns de euros nos próximos 20 anos, "algo máis do dobre do que se ingresaría co modelo de participación pública" do bipartito, subliñou Tahoces. De calquera xeito, o departamento liderado por Xavier Guerra renuncia a estudar calquera fórmula adicional de participación pública, polo que os ingresos na caixa pública restrinxiranse unicamente ás cantidades ingresadas deste novo imposto.

Por outra parte, Industria garante que a maior parte do chamado Fondo de Compensación, cando menos o 50%, irá aos concellos afectados, malia que cavilan elevar esa porcentaxe ao 100%. Non queda claro de todas formas se o canon abranguerá o total dos ingresos derivados polo canon. Os cartos recadados deberán destinarse a tarefas de recuperación do medio natural e, nun xeito que abre a posibilidade de desviar as inxeccións económicas a case calquera acción no rural, "a actuacións de mellora das condicións socio-económicas no medio rural".

Partindo de criterios moi semellantes, as novas autorizacións daranse a finais de 2010
Coa eliminación da oferta de participación pública como criterio estrela das adxudicacións realizadas na anterior lexislatura, o novo reparto, subliñan desde a Xunta, estará baseado en primeiro lugar no criterio relativo ao nivel tecnolóxico e eficiencia enerxética garantida por cada empresa solicitante. En segundo término, cítase o nivel de afectación ambiental e en terceiro a influencia no desenvolvemento da rede eléctrica de distribución e transporte.

Un cuarto chanzo en importancia, serán segundo a nova lei, os compromisos "firmes e periodificados" de proxectos de desenvolvemento industrial. Sobre este punto, a dirección xeral de Industria indica que a fianza do 2% do investimento xa estabelecida no marco legal anterior, só será devolvida no momento en que o proxecto industrial prometido estea totalmente executado. Ademais, as transmisións de propiedade dos parques eólicos só poderán realizarse cando os muíños estean xa en funcionamento e os propios proxectos empresariais comprometidos estean "plenamente desenvolvidos".

O novo proceso comeza de inmediato, coa presentación do proxecto aos representantes da patronal eólica, que o propio presidente da Xunta fará esta semana. Posteriormente haberá un prazo de alegacións durante o mes de agosto, que rematará o 5 de setembro. A continuación, Alberto Núñez Feijoo decretará a tramitación urxente deste asunto que chegará ao Parlamento e, coa maioría absoluta do PP, converterase en lei antes de fin de ano. Os novos proxectos eólicos serán admitidos a trámite no primeiro semestre de 2010 e, no segundo semestre faranse as autorizacións administrativas, podendo a partir de aí os novos adxudicatarios a comezaren a chantar os muíños.

Actualización 10h25:
Pasaran apenas un par de días desde a cita electoral do 1 de marzo cando o compromiso de derrogación do proceso eólico subliñado por Alberto Núñez Feijoo durante a campaña electoral perdía firmeza e viraba no anuncio da "revisión" pero non necesariamente anulación do concurso. Así e todo, advertía o líder do PPdeG que non lle tremería o pulso se finalmente vía a necesidade de botar todo abaixo e reiniciar o proceso desde cero. E esa parece ser xustamente a decisión final do Goberno, anular o decreto deseñado na anterior lexislatura e comezar outra vez a poxa.

O paso confírmase na mañá deste mércores (na véspera do Consello da Xunta onde se oficializará), en conferencia de prensao propio conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra, e o director xeral de Industria, Anxo Bernardo Tahoces. Así e todo, a decisión da Consellaría de Industria fora xa avanzada por dous xornais, La Voz de Galicia (A Xunta conclúe que o decreto eólico é inconstitucional e tomba o concurso) e o Faro de Vigo (A Xunta anulará a adxudicación dos 2.300 megavatios do concurso eólico do bipartito). O Goberno cinguiuse a argumentacións xurídicas ao respecto do global do proceso anterior para xustificar a decisión, malia que en declaracións anteriores sobre o asunto, o líder do PPdeG falara da existencia de proxectos "mellores" que non foran seleccionados "en prexuízo doutros menos bos".

A mediados do pasado mes de marzo, Xosé Luís Losada, director xeral do Banco Gallego, integrado no Grupo Caixanova, un dos principais beneficiarios do proceso (Caixanova obtivo a través do proxecto Eólica Galenova, un total de 235 megavatios), saía ao paso das ameazas de anulación do PP e defendía a claridade "das regras de xogo" do concurso eólico, esixindo que non se frease. Losada afirmou daquela que esperaba que se lle dese canto antes o "visto bo definitivo" e que o Goberno entrante non paralizase o proceso. Argumentou o directivo que as empresas que se presentaron ao concurso sabían de xeito claro "as regras do xogo". "Tomáronse as medidas para que o desenvolvemento fose correcto, e entendo que é correcto", subliñou, salientando a proposta concreta de Galenova, da que asegurou que ía acompañada dunha "magnífica oferta industrial" e destacou a súa capacidade "técnica e financeira".


4/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: