A deputada Olaia Fernández Davila pide que o dereito de reposición do paro se recoñeza para todos os parados e "non só aos afectados por un ERE".
Olaia Fernández Davila
O BNG pediralle ao goberno español que autorice a Xunta a poñer en marcha medidas de incentivo que faciliten o mantemento de contratos de traballo mediante axudas e subvencións para empresas de menos de 25 empregados. Así o explicou este luns a deputada nacionalista no Congreso, Olaia Fernández Davila, quen presentou as propostas laborais do BNG ao proxecto de lei de medidas urxentes para o mantemento e fomento do emprego e a protección dos desempregados.
Entre estas propostas está precisamente que as comunidades autónomas poidan poñer en marcha axudas para o mantemento de postos de traballo en empresas de menos de 25 empregados, que considerou "necesarias" no actual contexto de crise. Neste sentido, Davila asegurou que "todo o mundo está sensibilizado" coas importantes perdas de emprego derivadas da presentación de ERE por parte das grandes empresas" e, non obstante, recordou que "o 80% das persoas que se van ao paro veñen de pequenas e medianas empresas".
"Máis doado"
"Dada a lexislación actual, e nun contexto de crise económica, para unha pequena ou mediana empresa resulta máis doado recorrer ao despedimento de traballadores que presentar un expediente suspensivo", explicou a nacionalista, que indicou ademais que "se pode beneficiar dunha subvención ao despedimento do 40% a cargo do Fondo de Garantía Salarial (Fogasa)".
Así, Davila animou o goberno español a "facer posible que as pemes poidan recorrer en situacións de dificultades a regulacións temporais de emprego cun mínimo custo" e que nas empresas de menos de 25 traballadores sexa o Fogasa o que "aboe os custos laborais e de seguridade social no tempo que vai dende a solicitude de autorización administrativa até a resolución da autoridade laboral de suspensión do contrato".
Reposición do paro
Outra das propostas presentadas polo BNG é que o dereito de reposición do paro se recoñeza para todos os traballadores sen emprego e "non só como fai o goberno español no artigo 3 da lei, aos traballadores afectados por un ERE". Ademais, tamén propoñen que se amplíe o dereito á reposición da duración da prestación por desemprego a todos aqueles traballadores que se lles extinguiu o seu contrato por expiración do tempo convido ou por realización da obra ou servizo. Así mesmo, Davila incidiu en que "outro dos grandes problemas do incremento do paro está na alta temporalidade existente" xa que "non se renovan os contratos vencidos", polo que reclamou ao goberno español que aplique medidas que rebaixen a contratación temporal.
Indemnización
Neste sentido, pediu que, "ao igual que acontece noutros países europeos como Francia", se estabeleza "unha indemnización para que a persoa afectada teña dereito cando remata o contrato a unha contía equivalente ao 10% do salario bruto percibido ao longo do contrato" nos casos de extinción do contrato por expiración do tempo ou pola realización da obra ou servizo.
Respecto ás bonificacións ás empresas que contraten indefinidamente persoas con prestación por desemprego, Davila pediu a suspensión deste artigo xa que "estabelece unha estraña discriminación" entre as diferentes situacións nas que se poidan atopar os traballadores". "Dende o noso punto de vista, é máis apropiado fomentar a contratación de colectivos con especial dificultade de inserción", explicou a deputada.