Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Iniciativa a prol da mobilidade eurorrexional

Tui-Valença: máis lonxe que perto se do transporte público depende

O proxecto Uniminho propón o despregue de liñas de bus entre un conxunto de concellos de Galiza e o Norte de Portugal.

Redacción - 09:30 30/07/2009

É pouco máis que a carreiriña dun can, Tui-Valença, pero, Miño e fronteira polo medio, as burocracias fan que sexa exemplo claro da dificultade de artellar unha rede de comunicacións no ámbito da Eurorrexión.

Fronte a esta situación, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial formada por 16 concellos galegos e cinco portugueses baixo o nome de Uniminho, puxo en marcha un proxecto de estudo para ver de arranxar o problema. Na mesa contémplanse un amplo abano de posibilidades, incluído o despregue progresivo de liñas fixas entre concellos puntuais ou mesmo o estabelecemento de liñas circulares que fagan roteiro entre os diversos concellos.

Obstáculos lexislativos a salvar
Desde a entidade que apadriña Uniminho no lado galego, a Deputación de Pontevedra, o coordinador do proxecto, Xaquín Lede, explica para Vieiros que a iniciativa xorde diante do ermo no ámbito da mobilidade na zona e no medio das complicacións que explican os diferentes marcos lexislativos a un e outro lado do río Miño. Lede afirma en todo caso estar seguro do potencial dun sistema eficaz de comunicación entre Galiza e Norte de Portugal, a través dunha "fronteira" xa transitada por un elevado número de persoas todos os días. No seu momento, será necesario o compromiso dos respectivos gobernos de Galiza e Portugal para salvar os problemas burocráticos concretos.

A iniciativa xa recibiu o empurrón da Unión Europea, a través dunha inxección de 500 mil euros para poñer a andar o equipo que debe elaborar o proxecto concreto. A proposta final será consensuada coas administracións das dúas beiras e máis con diversos colectivos sociais e entidades representantivas do sector do transporte. Desde Uniminho danse un prazo de tres anos para a posta en funcionamento das primeiras liñas. Un total de 21 concellos beneficiaríanse directamente do servizo de transporte "transfronteirizo": Tui, Valença, A Guarda, Oia, O Rosal Monção, Melgaço, Tomiño, Salceda de Caselas, Salvaterra, As Neves, Vila Nova de Cerveira, Arbo, Crecente, Ponteareas, A Cañiza, O Porriño, Covelo, Mondariz e Paredes de Coura.


4,44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: