A publicación anual do CGB estrea un novo formato e conta cun abundante e variado elenco de colaboracións.
A edición de hogano da revista "Alborada" do Centro Galego de Barcelona repasa a actividade do centro nesta tempada, dende os Ciclo de Jazz até as representacións teatrais e as exposicións, sen esquecer as actividades dos grupos estables de música e danza. A partir das abundantes colaboracións na revista, poderase saber sobre a historia do mesmo edificio do Centro, vinculado ao Palau Güell, e coñecer detalles históricos do barrio do Raval e das Rambles, co que a revista vai dar unha visión diacrónica e sincrónica deste emblemático espazo galego-catalán. Conta tamén cun bo número de artigos sobre lingua, política, cultura, sociedade, música..., nos que se enlazan temas de interese que non fican só ao redor da galeguidade.
Alén de asistir á presentación da revista "Alborada" e celebrar o Día da Patria, estes días pódese visitar no CGB a impresionante exposición "Mercedes Núñez Targa: O valor da memoria", que percorre a vida e o activismo político desta loitadora antifascista polas liberdades civís contra os réximes de Franco e Hitler, supervivente aos campos de concentración nazis e socia do Centro Galego.
Celebración do Día da Patria Galega
Presentación da revista "Alborada" do Centro Galego de Barcelona
Sábado 25 de xullo, 20 h
Exposición: "Mercedes Núñez Targa: O valor da memoria"
Até o 30 de setembro.
De luns a domingo de 17 a 22 h.
Sala Ferrío. Centro Galego de Barcelona
La Rambla, 35-37, Barcelona. Metro Liceu (L3)