Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS NO MNAC

A Guerra Civil Española de Gerda Taro e de Robert Capa

Algunhas das mellores fotos da Guerra Civil Española -Morte dun miliciano, a Batalla de Brunete, Milicianas republicanas recibindo instrución, algunhas da maleta mexicana- están agora en Montjuïc. Visita de obrigada asistencia.

Joan Mitjans e Lito Caramés - 21:30 22/07/2009

Este verán Barcelona volve á traxedia de hai 73 anos, a Guerra Civil Española. O MNAC (Museu Nacional d'Art de Catalunya) vén de abrir dúas exposicións que se complementan: Gerda Taro e Aixó és la Guerra! Robert Capa en acció, organizadas conxuntamente co ICP (International Center of Photography), e que tan ben e tan longamente foron presentadas por Charo Canal e todo o equipo de prensa do MNAC e mais polas comisarias Kristen Lubben e Cynthia Young. Exhíbense revistas, cartas e máis de 200 fotografías, boa parte das de Capa reproducen a Guerra Civil Española (e tamén outros conflitos nos que estivo) e todas as de G. Taro relatan a Guerra Civil Española. É parte do noso pasado o que acaba de chegar ao Palau Nacional de Montjuïc.

Dúas exposicións presentadas xuntas (Taro e Capa mantiveron unha relación sentimental e xuntos cubriron diversos episodios da Guerra Civil), pero diferenciando personalidades e obras, xa que ofrecen miradas de seu, irrepetibles, da guerra. No MNAC pódense ver as fotografías máis destacadas de R. Capa e a presentación de Gerda Taro como artista independente.

O mellor fotógrafo de guerra

Cando comezaron, Endre Ernö Friedmann (Budapest, 1913) e Gerta Pohorylle (Gerda Taro) eran dous fotógrafos novos e descoñecidos que non conseguían vender ás revistas. E decidiron facer un truco de maxia: inventar un prestixioso fotoperiodista norteamericano (que nunca tiña tempo para entrevistas, e para o que eles traballaban): Robert Capa. O truco funcionou e os pedidos chegaron ás mancheas. “Robert Capa” era en principio un proxecto común, pero a morte prematura de G. Taro permitiu que o pseudónimo identificase ao seu compañeiro, que sempre firmou como Robert Capa.

Se as túas fotografías non son boas, é que non estabas bastante cerca”. Con esta cita preséntase Robert Capa (Endre Ernö Friedman), un home vital, imparable, moi comprometido co seu tempo e dunha ideoloxía claramente de esquerdas, sempre contrario ao autoritarismo. Considerado un dos mellores fotoperiodistas do século XX (foi un dos creadores da axencia Magnum, 1937), as súas fotos transmiten acción, a enerxía da vida –aínda en tempos de guerra–, o movemento e o corpo. A exposición mostra historias diferentes que penetraron a ollada da súa cámara, dos anos 30 até os 50: episodios da Guerra Civil, a ocupación xaponesa de China (1938), o Desembarco de Normandía (1944), a derrota alemá (1945). Percorre un contexto amplo da súa carreira, o que dá unha visión periférica da obra e permite contrastar a súa evolución como fotógrafo e como periodista. Non hai imaxes de Indochina (1954), campaña na que morreu ao pisar unha mina.

Morte dun miliciano (Death of Militiaman, 1936) considérase unha das mellores fotografías de guerra da historia e converteuse, por dereito propio, no símbolo da Guerra Civil. Pero non está exenta de controversias e críticas. Capturar o intre mesmo da morte con tanta precisión é moi complicado, e tense acusado a Capa de escenificar a imaxe. Hoxe pénsase que Taro e Capa estaban facendo posar a un grupo de milicianos en Cerro Muriano (Córdoba) cando unha bala perdida impactou contra o miliciano diante xusto do obxectivo de Capa. Traballos que veñen de aparecer opinan diferente. Sexa como for, estamos diante dunha deas mellores capturas de Robert Capa, un dos grandes fotógrafos do século pasado (Máis imaxes de Robert Capa premendo aquí e tamén aquí).

Reivindicación da fotógrafa Gerda Taro

Esta é a primeira exposición que se fai de Gerda Taro, nome artístico de Gerta Pohorylle (Stuttgart, 1910). As razóns para que até agora “la pequeña rubia” -como lle chamaban na Guerra Civil- non fose recoñecida como fotógrafa importante son varias. Unha pode ser a curta carreira como fotógrafa que tivo: entre 1935 e 1937, momento da súa morte na fronte de Brunete, esmagada por un tanque T-26. Comezou a traballar de fotógrafa xunto ao seu compañeiro, Endre Friedman, e as fotos dos dous levaron moitas veces a firma “Robert Capa”. Os investigadores hoxe dan por feito que as fotos cadradas (feitas coa Rolleiflex) son de Gerda Taro, e as rectangulares son da Leica de Friedman-Capa.

Gerda Taro foi enterrada en París con todos os honores, nun multitudinario funeral organizado polo Partido Comunista francés, como se fose unha heroína de guerra (a primeira fotógrafa morta en combate) e como militante do PC (non o era, pero no momento da morte traballaba para a revista Ce Soir, do PC francés, dirixida por Louis Aragon). Ao remate da II Guerra Mundial todo o que tivese bafo a comunista estaba mal visto no mundo occidental. E, como Friedman quedará como Robert Capa (e como o mellor fotógrafo de guerra), moitas instantáneas de Taro foron vendidas ás axencias baixo a autoría de R. Capa xa que se pagaban moito máis. Como proba baste mirar os reversos de moitas das fotos: onde primeiro puña “Photo Taro” foi logo tachado e a axencia Magnum puxo “Photo Capa”. A maior abondamento, era muller e ese non era (ou é?) o máis pequeno dos atrancos que unha persoa tiña (e ten?) para saír da esfera privada para destacar por valía propia. Gerda Taro en moitos sitios é citada co preclaro título de “a compañeira de Capa” ou “a muller de Capa”.

Gerda Taro ten identidade propia. Influída pola fotografía rusa das vangardas, coida moito os encadres e busca diagonais que forzan a profundidade das escenas. As súas fotos da fronte da guerra non destacan pola acción, máis ben polos retratos heroicos de mulleres e homes, peculiaridades que a aproximan ao que xa fixera Rodchenko en Rusia.

Mariñeiros do acoirazado Jaime I tocando instrumentos (Almería, 1937) é unha foto curiosa. Na cuberta do barco alguén toca a gaita en plena acción de retirada dos refuxiados. As pescudas para intentar saber de onde eran eses mariñeiros non deron abondosos froitos. Parece ser que algúns eran do Ferrol e mais de Mugardos, e outros de Asturias. Quizais alguén que vexa a fotografía poida identificar aos músicos (Máis imaxes de Gerda Taro premendo aquí e tamén aquí).

Fem Memòria

Con tal de procurar que estas exposicións sexan interactivas, o MNAC e mais "El Periódico de Catalunya" crearon unha iniciativa moi apropiada para facer medrar as imaxes da Guerra Civil Española. Fem Memòria propón ao público de España (e de fóra dela) que mande fotos da Guerra Civil que teña pola casa e que non sexan coñecidas publicamente. O éxito está sendo total, como se pode comprobar na galería de fotos que ofrece o xornal.

A maleta mexicana

Ao final do percorrido pódense ver no MNAC fotos da maleta que hai un ano se atopou en México. É un amplo e importante avance, baixo licenza da axencia Magnum e de IPC, con fotos mormente da Guerra Civil. Hai duras imaxes de Capa do campo de refuxiados de Argèles (sur de Francia). De G. Taro móstranse varias de tanques en Navacerrada, tanques coma aquel que meses máis tarde acabaría coa súa vida. Tamén hai fotos de “Chim” (David Seymour), moi amigo dos dous.

Esperando a Robert Capa

Nos últimos tempos publicáronse traballos sobre a obra destes dous fotógrafos, e tamén vén de se publicar a novela de Susana Fortes (Pontevedra, 1959) Esperando a Robert Capa (Planeta, premio Fernando Lara 2009). O tema central da obra son precisamente as relacións entre Gerta Pohorylle (G. Taro) e mais Endre Friedman (R. Capa), xa en París, xa na España da Guerra Civil. Redactada como se fose unha reportaxe periodística, a súa lectura é o perfecto complemento á visita das exposicións que agora enchen as salas do Palau Nacional en Montjuïc pois, se nas salas do MNAC é doado ver as súas instantáneas, na novela de Susana Fortes vive a paixón amorosa que os alimentou e a enerxía vital que souberon transmitir.

EXPOSICIÓNS: "Aixó és la Guerra Robert Capa en acció" e "Gerda Taro"

MNAC (Palau Nacional, Montjuïc)

Horario: de martes a sábados, de 10 a 19 horas, domingos, de 10 a 14,30 h.

Até o 27 de setembro.


4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



R. Capa. "Morte dun miliciano". Cerro Muriano (Córdoba) 1936
R. Capa. "Morte dun miliciano". Cerro Muriano (Córdoba) 1936
Cartel da Exposición de Gerda Taro
Cartel da Exposición de Gerda Taro
R. Capa. "Nena no centro de refuxiados de Barcelona". 1939
R. Capa. "Nena no centro de refuxiados de Barcelona". 1939
G. Taro. "Mariñeiros do acoirazado Jaime I". Almería, 1937
G. Taro. "Mariñeiros do acoirazado Jaime I". Almería, 1937
R. Capa. "Soldados norteamericanos desembarcando na praia Omaha", 1944
R. Capa. "Soldados norteamericanos desembarcando na praia Omaha", 1944
G. Taro. "Neno con gorra da FAI", Barcelona, 1936
G. Taro. "Neno con gorra da FAI", Barcelona, 1936
Capa e Taro. Panel de 40 fotos sobre a "Morte dun miliciano" (detalle). 1936
Capa e Taro. Panel de 40 fotos sobre a "Morte dun miliciano" (detalle). 1936
Portada do libro de Susana Fortes "Esperando a Robert Capa"
Portada do libro de Susana Fortes "Esperando a Robert Capa"