Os padexeiros galegos apañaron dous ouros, dúas pratas e dous bronces.
Óscar Carrera, Roberto Abal e Roberto Rodríguez (do Club Kayak Tudense), Paulino Otero e Gabriel Campo (Club Náutico O Muíño de Ribadumia), Cristian Toro (Club Fluvial de Lugo) e Álvaro Bravo e Jacobo Domínguez (Club Breogán de O Grove) conseguiron para Galiza cadansúa medalla nos campionatos europeos de piragüismo Junior e sub-23 celebrados na localidade polaca de Poznan. De feito, os metais galegos suman seis dos oito que acumulou o equipo que competía coas cores da Federación Española de Piragüismo.
O primeiro ouro colgárono do pescozo Roberto Abal e Roberto Rodríguez (do Kayak Tudense) e Álvaro Bravo (do Breogán O Grove) que compartían piragua no K4 sub-23 500 metros co palentino Pablo Andrés. Xuntos foron os máis veloces, superando na final á embarcación romanesa que chegou en segundo lugar. O outro ouro chegou na mesma especialidade, mais en categoría xuvenil, onde Paulino Otero, Gabriel Campo, Cristian Toro e Manuel Robles, que xa conseguiran unha prata no K4 1000 metros o día anterior, chegaron á meta primeiros por diante de Italia e Rusia.
Doutra banda, o C2 1000 metros dos xuvenís trouxo o triunfo para a parella formada por Óscar Carrera (Kayak Tudense) e Carlos Garrote (ADZ Zamora). E no K4 1000 dos xuvenís foron Paulino Outero e Gabriel Campo (do clube O Muíño de Ribadumia), máis Cristian Toro (do Fluvial de Lugo) e Manuel Robles (do Náutico Eslora) os que gañaron medalla, desta volta un bronce. Óscar Carrera e Carlos Garrote completaron con cadansúa medalla de prata no K2 500 lambendo o ouro durante toda a primeira proba e superados no treito final pola embarcación italiana. Por último, pechou medalleiro o xuvenil Jacobo Domínguez, que no C1 500 furou veloz até a meta só superado polo representante ruso e o bielorruso.