O goberno español informará ao detalle da súa axenda. No Parlamento das illas, xurdiu a polémica polo cruce de acusacións entre deputados na web.
O Twitter, popular entre os políticos
O Twitter, a popular ferramenta de comunicación da internet, está a ser cada vez máis utilizada polos políticos nas institucións de diversos Estados europeos. Tamén nos EUA, onde o pasado mes de xuño, a Casa Branca creaba unha páxina propia neste servizo para informar das súas actividades.
Este martes foi o Goberno español o que se apuntou á moda, tamén cun espazo de seu, "desdelamoncloa", onde a Secretaría de Estado de Comunicación pretende rexistrar ao detalle a axenda dos membros do Executivo, tal e como xa sucede no Reino Unido e en Portugal.
Mais non todo son adhesións. Precisamente, nas illas dos Açores -baixo soberanía portuguesa- o Twitter está a provocar incidentes ao máis alto nivel institucional. Na Assembleia Regional van debater a posibilidade de vetar o seu uso entre os deputados logo dun cruce de acusacións vía microblogging.
Tal e como relata a prensa local, todo comezou con pequenas mensaxes que Alexandre Pascoal (PS) colocou no Twitter sobre os líderes parlamentarios do CDS-PP e do PSD dos Açores. "Exixo que o señor explique aquilo que afirmou covardemente" xa que durante o debate "non se levantou" porque "é un ignorante e un covarde", retrucou Artur Lima (CDS-PP).
Pascoal mantivo o que dixo e un día despois, volveu ao Twitter para acusar o líder parlamentario do PSD dos Açores, António Soares Marinho, de insultar o seu homólogo da bancada socialista. O aludido, no intervalo dos traballos na Asemblea Rexional, foille pedir explicacións a Pascoal.
Os incidentes provocaron a intervención do presidente da Assembleia Legislativa, Francisco Coelho, que informou de que na próxima xuntanza de líderes parlamentarios se vai analizar a cuestión do acceso aos novos medios de comunicación dentro do plenario.