Entre outros, a concelleira Maruchi Álvarez e os voceiros do Foro Social Tiago Pérez e Antonio San Gabriel.
Veciños diante dos camións durante unha mobilización anterior / Imaxe: Foro Social
Actualización 17h40:
A costa canguesa viviu este luns un novo episodio da loita veciñal contra o avance das obras a pé do peirao do Salgueirón que, malia non contar con licenza municipal, seguen en marcha desde hai días. Como cada xornada, un grupo de persoas acudiu a primeira hora da mañá, coincidindo coa chegada dos operarios, para protestar pola obra. Ante a chegada dun camión que trataba de introducir unha máquina escavadora no lugar, membros do Foro Social de Cangas trataron de evitarlle o paso poñendo un vehículo no medio. Posteriormente achegouse máis xente e producíronse momentos de tensión coa intervención dos antidisturbios da Garda Civil.
Até oito vehículos policiais, incluíndo varios antidisturbios, achegáronse até o lugar para protexer o desenvolvemento das obras. Malia que entre os presentes, o propio concelleiro de Urbanismo cangués, Mariano Abalo, tratou de mediar fronte ás forzas policiais, subliñando a inexistencia de licenza e por tanto a ilegalidade dos traballos no lugar, as forzas de seguridade actuaron "con violencia", segundo denuncian desde o Foro. Finalmente, foron arrestadas até dezaseis persoas, entre outras a propia concelleira canguesa de Persoal, Maruchi Álvarez (ACE). Segundo puido saber Vieiros, cando menos un ferido permanecía esta tarde nun centro hospitalario vigués. Desde o Foro Social e en conversa con Vieiros, denuncian "a actitude de BNG e PSOE" fronte a esta situación, criticando que permanezan de costas ás reivindicacións veciñais e non colaboren na paralización dunha obra "ilegal".
Actualización a primeira hora:
Tiago Pérez, veciño de Cangas e coñecido activista do Foro Social de Cangas que protesta contra ás obras do porto deportivo de Massó, foi detido na mañá deste luns por efectivos da Garda Civil, ao negarse a retirar o seu vehículo da entrada da obra.
Segundo confirmaron a Europa Press algunhas testemuñas e membros dos colectivos contrarios a esas instalacións, axentes do instituto armado están a protexer a entrada de maquinaria pesada ao lugar onde se están a desenvolver os traballos, que eles consideran "ilegais". Sobre as 9 horas a Garda Civil instou a Tiago Pérez a que retirase o seu vehículo, estacionado xunto ao valado de entrada das obras, para permitir o acceso dun camión cun guindastre, algo ao que o mozo se negou, porque "non había ningún sinal de prohibido aparcar".
As testemuñas aseguraron que os axentes levaron detido a Tiago Pérez, que tamén foi arrestado o pasado 13 de xullo no mesmo lugar por un suposto delito de coaccións, "sen mediar palabra, porque xa ían a por el". "Foi unha detención arbitraria", comentaron os activistas contrarios ao porto deportivo de Massó, indicando que manterán as súas protestas fronte ás obras, como fan dende hai meses.