A representante nacionalista e futura eurodeputada, Ana Miranda, avanzou en conferencia de prensa os seus obxectivos para esta lexislatura.
Ana Miranda, ao comezo da campaña
A representante do BNG no Parlamento Europeo e futura eurodeputada, Ana Miranda, anunciou en conferencia de prensa que a súa primeira iniciativa será instar á Comisión Europea a que conceda axudas directas ao sector lácteo galego.
"Cómpre estabelecer un novo statu quo para o sector lácteo galego en Europa. É preciso que se reduzan as cotas dos Estados excedentarios e que se incremente a dos deficitarios, o español entre estes", alegou. O BNG, dixo, reclamará tamén que se estabeleza "un prezo de referencia en orixe".
Ademais, Miranda criticou a Xunta por "non presentar nin unha soa proposta ante a Comisión sobre a situación do sector lácteo", e destacou que "ningún eurodeputado galego do PP estivo o outro día cos gandeiros do noso país que se achegaron a Bruxelas". "Nós, desde logo, si que estivemos porque sempre estamos na defensa do país", engadiu.
Lexislatura especialmente relevante
Por outra banda, explicou que grazas ao acordo interno da coalición Europa dos Pobos, o BNG vai ter xa capacidade de rexistrar iniciativas nas comisións de Agricultura, Pesca, Transporte, Política Rexional, Peticións, Cultura, Economía, Comisión especial sobre a crise económica, Mulleres, Medio Ambiente e na Delegación Interparlamentaria sobre Mercosur.
"Vou ser a voz e o voto de Galiza en Europa. Imos ter escano durante case ano e medio (dende finais de 2011), pero desde logo o traballo do BNG en Europa vaise prolongar durante os cinco anos da lexislatura", declarou Ana Miranda.
Ao respecto, sinalou que esta lexislatura é especialmente relevante porque se van someter a revisión as políticas agraria e pesqueira común e vaise revisar tamén todas as leis sobre os fondos estruturais. "Felizmente para o país, Galiza, a través do BNG, estará presente no debate", concluíu.