Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONGRESO DE ESTUDOS

Somos ou non somos? A identidade galega que creou a Transición

O grupo Galabra da USC investiga sobre a 'fabricación e socialización de ideas nun sistema cultural emerxente (Galiza, 1968-1982)'.

Redacción - 09:00 17/07/2009

Os estudos presentados por Cristina Martínez Tejero, Vítor Suárez Diaz, Carlos González Figueiras e Roberto López-Iglésias Samartim parten da hipótese de que é entre 1968 e 1982, un tempo que podemos denominar xenericamente 'Transición Política' ou 'Restauración Borbónica' cando é (re)elaborado un corpus ideolóxico sobre a identidade diferenciada da Galiza en grande medida vixente aínda na actualidade.

Cristina M. Tejero analizou o corpus ideolóxico sustentado polos grupos con maior grao de institucionalización, que liderarán o proceso de transición política inmediatamente posterior e a construción político-cultural do actual réxime autonómico. Pola súa banda, Vítor Suárez Diaz centrou a súa análise na relación entre a identidade nacional e a idea de clase promovida polos grupos da esquerda en 1972, ano das folgas en Ferrol e Vigo e do asasinato de Amador e Daniel pola policía franquista. Finalmente, Carlos Figueiras afondou na construción do discurso identitario realizada polos axentes e grupos do campo cultural galego, e as homoloxías existentes entre eles e os axentes e grupos do campo do poder.

A investigación que leva a cabo o grupo Galabra da USC deita luz sobre un dos períodos máis importantes da historia galega contemporánea, que no entanto está escasamente estudado. Uns anos que crearon ou modelaron en boa medida as institucións e grupos que conforman a estrutura social, política e económica da Galiza actual, así como os discursos simbólicos empregados por todos eles. Uns anos nos que, en palabras de Gerard Imbert, "o cambio nunca ten lugar: ten cabida no discurso mais non nas prácticas; ten valor de intercambio, pero non valor de uso".

Isto produciuse porque os custes económicos e sociais da crise económica dos anos setenta e oitenta foron desigualmente repartidos entre as distintas clases sociais, pois a oposición abandonou moitas das súas reivindicacións na procura dunha pretendida 'paz social' e dun acordo político pilotado polos sectores sociais que xa eran hexemónicos nos últimos anos da ditadura.

Ao remate da exposición dos relatorios, iniciouse un interesante debate no que participaron, entre outros, os profesores Arturo Casas ou Elías Torres Feijó, centrado principalmente no papel que na produción simbólica de discursos na Transición tiveron as voces do exilio, e tamén na diferenza existente entre a importancia real das achegas dos galeguistas históricos (nucleados ao redor de Piñeiro e Galaxia) e a percepción que hoxendía se ten do seu impacto.

Consulta aquí o programa completo do Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos


4,67/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: