CIG-Ensino, CCOO, UXT, ANPE, PSdeG e BNG denuncian que o texto non foi nin sequera pactado na Mesa Sectorial.
Os sindicatos, o PSdeG e o BNG amosaron o seu rexeitamento a unha nova circular de Educación que lle impón ao profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) unhas condicións que non foron pactadas na Mesa Sectorial. En liñas xerais, aumenta substancialmente o horario lectivo e, asemade, reduce a dotación de profesorado.
CCOO, UXT e ANPE enviáronlle un comunicado conxunto á Consellaría pedíndolle que retire a circular ou que, en calquera caso, negocie os seus termos, e afirman que poderían levar o asunto aos tribunais. Aseguran que os puntos propostos por Educación suporán unha deterioración da calidade do ensino das EOI.
Pola súa banda, CIG-Ensino afirma que a circular supoñerá reducir en máis de cen profesores os cadros de persoal das Escolas Oficiais de Idiomas. O sindicato lembra que a nova circular substitúe a anterior, negociada na Mesa Sectorial no ano 2004, noutra etapa de Goberno do PPdeG, e que chega nun momento en que xa se estaba a organizar o próximo curso. Ao seu entender, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa amosouse "desprezativo e autoritario nas reunións da Mesa Sectorial" e cualifica a nova circular de "irresponsábel".
Segundo a CIG, a consellaría pretende que o profesorado imparta 20 períodos lectivos, o que provocará a redución do cadro de persoal nun 30% e desaparecerán as horas lectivas complementarias. Ademais, denuncia que o incremento da carga de traballo impedirá que os profesionais poidan diversificar o seu currículo, o que redundará na perda da calidade do ensino especializado de idiomas.
Dende o BNG, a voceira na Comisión de Educación do Parlamento, Carme Adán, considera que a circular é "un novo ataque en toda regra ao ensino público" e exixiu a súa retirada. Asegurou que o texto "ten graves erros tanto na forma como no fondo" e criticou que se emitise "en pleno mes de xullo", sen información previa nin negociación na Mesa Sectorial cos sindicatos. Ademais, "supón acabar coa diversificación curricular" e, polo tanto, "diminuír a calidade no ensino público de linguas estranxeiras". Así, anunciou que o grupo nacionalista presentará iniciativas na Cámara para que a Consellaría de Educación retire esa circular, a 5/2009.
Mentres, o socialista Guillermo Meijón, acusou a Xunta de reducir un 30 por cento o profesorado das EOI, o que provocará unha "grave redución na oferta educativa" e de cometer un "atentado contra o servizo público educativo". Segundo o PSdeG, a medida vai supoñer a "eliminación de períodos lectivos que se dedican a alumnos que necesitan reforzo educativo en pequenos grupos, así como períodos complementarios de coordinación, laboratorio de idiomas ou biblioteca". Por iso, exixiu a retirada da circular que, ademais, "incumpre o requisito legal de ser negociada coa Mesa Sectorial". Reclamou que "en ningún caso se articulen medidas que supoñan pasos atrás na consolidación do ensino de idiomas, fundamental para a formación nun mundo globalizado".