A tractorada concluíu cunha comida de confraternización na chaira do Palomar á que asistiron uns 500 produtores lácteos.
Uns 2.000 tractores circularon este mércores polo centro de Lugo na terceira xornada da 'Semana branca para a supervivencia do sector lácteo' para exixir axudas directas e solucións "inmediatas" aos baixos prezos en orixe do leite. A caravana de vehículos colapsou por segunda vez esta semana a circulación na cidade, sobre todo, nas proximidades da Muralla, onde se centrou a protesta.
Os gandeiros comezaron a saír da explanada do Palomar (Pazo de Feiras), punto en que permaneceron estacionados os tractores pola noite, ás 12.30 horas. O elevado número de vehículos provocou dificultades á hora abandonar o recinto.
"Queremos marchar a casa o venres máis tranquilos e con solucións na man", asegurou o secretario de organización de Unións Agrarias na provincia de Lugo, Xosé Rodríguez, que destacou o apoio dos cidadáns as súas reivindicacións.
O coordinador dos sectores gandeiros do Sindicato Labrego Galego, Xabier Gómez Santiso, confiou en que "algo vaia cambiando" e que se atopen solucións á crise. No entanto, advertiu de que os gandeiros afrontarán novos problemas cando, a próxima semana, cheguen ás súas explotacións e comproben que as industrias lles aplicaron unha nova rebaixa de prezo no leite entregado en xuño.
"Esperamos un cambio absoluto por parte da Administración", insistiu pola súa banda o secretario xeral técnico de Xóvenes Agricultores, Xoán Pérez Sánchez-Orozco. A tractorada concluíu cunha comida de confraternización na chaira do Palomar á que asistiron uns 500 produtores lácteos.