Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xunta de accionistas

Inditex continúa a súa expansión e abrirá máis de 400 tendas este ano

O vicepresidente da empresa téxtil con sede en Arteixo anunciou un investimento de 600 millóns en novas aperturas, principalmente no exterior.

Redacción - 09:30 15/07/2009

O grupo téxtil Inditex anunciou que vai manter a previsión de investir 600 millóns de euros na apertura de até 450 novas tendas este ano, practicamente todas no estranxeiro, segundo informou o vicepresidente e conselleiro delegado da empresa, Pablo Isla. A superficie comercial de Inditex incrementarase en 266 mil metros cadrados.

A compañía presidida por Amancio Ortega presentou perante o accionariado as contas de 2008, cun beneficio neto de 1.253 millóns de euros. Tanto os números como o resto dos puntos da orde do día foron aprobadas, incluída a reelección como membros do consello de administración de Carlos Espinosa e Francisco Luzón e a distribución dun dividendo de 1,05 euros entre os accionistas, dun total de 654 millóns.

O vicepresidente valorou positivamente a "forte expansión" do exercicio en 2008 e un número de aperturas "moi elevado", cun incremento de vendas do 12%. Para o presente ano, prevé aforrar 75 millóns de euros por "eficiencias operativas". Tamén salientou a posta en marcha da primeira tenda ecoeficiente, en Atenas, onde se logrou aforrar o 30% do consumo eléctrico. Este modelo aplicarase "a todas as novas aperturas".

Por cadeas, Zara segue a ser a principal, con dous terzos das vendas e un resultado de explotación de 1.067 millóns. Séguelle Bershka, co 10% e 155 millóns. Desta última, Isla destacou as tendas abertas en Allariz e Palafolls atendidas con persoas con discapacidade.

Tamén asegurou que o medio ambiente será "clave" na estratexia global da empresa e que o plan 2007-2010 prevé cubrir o 50% das necesidades enerxéticas con fontes renovábeis e reducir unha quinta parte as emisións de dióxido de carbono na distribución. Así mesmo, anunciou a creación da cátedra Inditex de Moda Ética, en colaboración coa universidade británica de Northumbria. A resposta dunha representante sindical, explicou que a empresa está a implantar o dereito de negociación colectiva e do concepto de "salario vital, en lugar del salario mínimo" en "todas as cadeas".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: