Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XORNADAS SOBRE ANTONIO R. IBÁÑEZ

A historia rehabilita ao Marqués de Sargadelos

Ribadeo, Cervo e Santalla de Oscos acolleron os encontros, que rematan este venres, e nos que participan historiadores, escritores e economistas.

Redacción - 09:00 15/07/2009

O Consello da Cultura Galega, en colaboración cos concellos de Ribadeo, Cervo e Santalla de Oscos (Asturias), organiza estas xornadas nas que se abordará a figura do Marqués de Sargadelos cando se cumpren cen anos do seu pasamento. Coordinadas por Pegerto Saavedra, celebraranse nalgún dos espazos máis vinculados á vida de Antonio Raymundo Ibáñez, "un grande empresario en tempos de cambios e de conflitos". Durante os tres días que durarán as xornadas abordarase a figura de Ibáñez e a súa época desde perspectivas como a histórica, a económica, a literaria ou a arquitectónica, grazas á participación de diversos expertos, como o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, ou Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da Real Academia Galega.

Un adiantado ao seu tempo, acusado de afrancesado
Antonio Raimundo Ibáñez, máis coñecido como o Marqués de Sargadelos, naceu nunha familia fidalga en Asturias, pero estabeleceuse en Ribadeo aos vinte anos. Alí creou a fábrica de cerámica de Sargadelos, modelo do primeiro capitalismo industrial en España, sobre todo no que respecta ao control da produción e do persoal. Impulsou o enciclopedismo e introduciu dende Europa varias innovacións tecnolóxicas para as súas fábricas. Deixou varios escritos, nos que estabeleceu a súa ideoloxía burguesa e baseada na produción e na modernidade: "A poboación é a que constitúe a riqueza e a forza dos Estados. Non pode soster o progresar senón por medio da industria, fábricas, comercio e navegación, cuxos ramos son o poderoso axente da industria, que é a primeira, a máis esencial e indispensábel das artes".

Cando os exércitos de Napoleón ocupan a Península Ibérica, estendendo os ideais da revolución burguesa de 1789, o marqués posiciónase a favor dos invasores. En consecuencia, o pobo de Ribadeo, acirrado pola Igrexa e os nobres (enfrontados a Ibáñez durante décadas), asasínao o 2 de febreiro de 1809. O seu corpo foi arrastrado polas rúas de Ribadeo atado á cola dun cabalo. Fronte ás acusacións de 'afrancesado', Díaz Pardo defende que "Ibáñez traballou como un gran patriota mandando barcos con munición a Cádiz para a defensa do exército". Porén, ese 2 de febreiro un exército mandado polo xeneral Worcester, "acompañado de grupos iracundos enchidos de vinganza fernandina", entrou en Ribadeo e deixou tamén que as turbas fernandinas saqueasen o palacio de Ibáñez e mandou deter á viúva e ás fillas de Ibáñez.

Raimundo Ibáñez morreu mentres se tramitaba o seu título de marqués, que nunca puido ostentar en vida, pero a historia lle concedeu de forma póstuma.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: