Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARA AXILIZAR OS TRÁMITES

A nova lei de ordenamento daralle aos concellos o poder de autorizar obras no rural

O novo texto prevé reducir os prazos e a definición de solo rústico recollerá catro distincións posíbeis, permitindo edificar en dúas delas.

Redacción - 18:45 09/07/2009

Xa está en marcha a modificación da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural (Lei 9/2002, de 30 decembro). Esta normativa, aprobada en 2002, dará paso agora a unha nova lexislación que dotará de maior poder aos concellos, reducirá os prazos para a aprobación dos plans municipais de urbanismo e, en palabras do presidente da Xunta, "desbloqueará a construción e fixará poboación nos núcleos rurais".

Máis competencias municipais
A partir da aprobación da nova lei, os concellos terán máis marxe de manobra na súa planificación urbanística. Os gobernos municipais poderán outorgar licenzas para a construción de obras "directamente vencelladas" cunha explotación de recursos naturais, como naves ou cortes, sen ter que agardar á preceptiva autorización autonómica.

Ademais, para a aprobación dos plans municipais, os prazos pasarán de tres meses a dous, ao non ser xa necesaria a autorización previa da Xunta, que si o seguirá a ser no caso da aprobación definitiva dos PXOM's. Neste caso, os tempos seguirán a ser de tres meses.

Tamén se pretende reducir a outros tres meses o prazo da concesión de licenzas para obras maiores (as que requiren un proxecto técnico completo) en solo rústico. No caso das obras menores, o tempo para obter a licenza quedará fixado nun mes.

Catro solos rurais
A futura lexislación recollerá unha definición do núcleo rural que se amplía dos dous tipos actuais até catro. En primeiro lugar, o "núcleo rural histórico" tradicional, que recolle o "carácter esencial" do núcleo rural que mantiña a lei. A segunda tipoloxía é a de "núcleo rural consolidado", cun grao de consolidación da edificación igual ou superior ao 50% da superficie. O terceiro é o "núcleo rural non consolidado", cunha edificación de entre un 33 e un 50%. E o último é o "núcleo rural complexo", que combinaría as características propias do núcleo tradicional e algún dos outros dous.

Segundo Feijoo, esta nova clasificación pretende axeitar o contido da lei do 2002 á "realidade do asentamento poboacional no medio rural galego". Así, coa nova división, preténdese dar "unha solución ao baleiro legal actual e as delimitacións que impedían dar resposta ás necesidades de crecemento e desenvolvemento dos asentamentos rurais".

Agora o goberno exporá o borrador do texto á Fegamp e remitirao aos grupos parlamentarios, ao Consello Económico e Social (CES) e ás distintas asociacións relacionadas co seu ámbito e aplicación. Logo, o documento final será remitido de novo ao Consello da Xunta para a súa aprobación e trasladarase ao Parlamento para o seu debate e aprobación, un trámite que o presidente estimou que se consumará en outubro ou novembro deste ano.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: