Ortigueira convértese, dende este xoves e até domingo, na capital da música celta no seu 25 aniversario. A organización aspira a reunir 90 mil persoas.
O Festival de Ortigueira cumpre este ano un cuarto de século cun programa musical que, entre este xoves e o vindeiro domingo, supón o retorno desta cita ás orixes musicais "intercélticas", tras varios anos de apertura a outras músicas.
A partir deste xoves celébranse unha vintena de concertos de balde, cun cartel no que predominan as propostas artísticas chegadas de Escocia. Así, entre os cabezas de cartel destaca o gaiteiro Fred Morrison, a histórica Battlefield Band e Wolfstone. Pero ademais, a programación desta cita conta coa irlandesa The Michael McGoldrick Band e Bottine Souriante de Quebec.
As estimacións dos organizadores elevan a 90 mil as persoas que nos próximos días acudirán a este municipio, de pouco máis de sete mil habitantes, pero que en cuxo núcleo urbano residen só unhas dúas mil persoas. O obxectivo é manter a capacidade de convocatoria de edicións anteriores a pesar dos reaxustes que houbo que facer no seu orzamento ante a crise económica.
Na media noite deste xoves...
Todo listo para que na media noite deste xoves para venres arranque a música, coa actuación dos finalistas do Proxecto Runas'09; mentres que o venres, o Escenario Estrella Galicia acollerá, a partir das 22h00, a Escola de Gaitas de Ortigueira, a actuación de Susana Seivane -que estreará o seu novo álbum, Os soños que volven-, The Michael McGoldrick Band e Judith (Castela-A Mancha).
O sábado será a quenda da Banda de Gaitas Casa Galicia l'Hospitalet; Xosé Manuel Budiño -que gravará un DVD do seu directo neste festival-; A Bottine Souriante, Wolfstone e Korrontzi. O domingo actuará a Banda de Gaitas Xarabal e Johnstone Pipe Band; Battlefield band -Escocia-; Arán -Galiza-; e Sog -Castela e León-.
O programa de actividades paralelas inclúe artesanía, como un obradoiro de facer palletas; unha exposición fotográfica sobre a historia do festival; talleres de folclore galego, con mestres como Mercedes Peón; e pasarrúas.
Cada 20 minutos, durante as 24 horas do día, os autobuses realizarán o percorrido entre os puntos neurálxicos do festival: comezarán a funcionar o xoves ás 11h00.