Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XUNTANZA NO PORTO

Feijoo comprométese a relanzar a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal

O presidente da Xunta anunciou que a Comisión de Traballo transfronteiriza funcionará como 'lobby' nas institucións europeas.

Redacción - 19:45 07/07/2009

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, Carlos Lage, manifestaron este martes o seu compromiso de relanzar a Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal para reforzar a cooperación transfronteiriza e consolidar o papel da Eurorrexión.

Na súa primeira visita a Portugal como presidente da Xunta, Núñez Feijóo anunciou que a Eurorrexión impulsará unha acción de lobby sobre a Comisión Europea, e que traballará para preparar o período-marco financeiro do 2014-2020 dos fondos europeos INTERREG, co obxecto de "recuperar o diñeiro perdido na última negociación, onde pasamos de 600 millóns de euros a 200 millóns".

Na xuntanza acordouse a creación, no seo da Comunidade de Traballo, de dúas novas comisións sectoriais, unha de Xuventude, e outra de Cultura e Universidades, que incluirá ademais temas de lingua, educación e turismo, e que permitirá aproveitar as sinerxías do Xacobeo 2010 e da Capitalidade Europea de Guimaraes en 2012.

No encontro tamén se acordou fixar o mes de outubro como "data máxima para empezar a funcionar" a Agrupación Europea de Cooperación Territorial, un organismo que terá a sede definitivamente en Vigo, un director portugués e un director adxunto galego. Feijóo e Lage coincidiron finalmente en destacar a importancia de impulsar a "eurocidade" Verín-Chaves, como unha experiencia pioneira que pode servir de modelo exportable para outras actividades semellantes.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: