Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
25 aniversario da Declaración do Hostal

PP, PSOE e BNG acordan na Fegamp en favor do impulso ao galego nos concellos

A Federación de Municipios e o colectivo Galeguizar Galicia acadan o consenso a prol de iniciativas concretas de normalización lingüística a nivel local.

Redacción - 12:40 03/07/2009
Tags:

"A secular proscrición da lingua galega na relación da administración cos administrados, no ensino, na vida pública en xeral, foi o instrumento máis eficaz da política de aculturación que tantos estragos, os máis deles irreversíbeis, produciu no noso país. O sentimento de inferioridade resultante levou o galego a se refuxiar no recanto máis íntimo das relacións humanas, no que de máis sincero e espontáneo hai en cada persoa, onde se mantivo nunha situación de resistencia até os nosos días. Aquel complexo parece hoxe, endebén, superado. Faise agora perentoria a necesidade dunha real reivindicación do idioma e da súa presencia en todos os planos da actividade humana en calquera contexto social. Ei-la única garantía de proxección cara ao futuro, conxurando a ameaza da perda dos nosos sinais de identidade (...)"

Así o recolle un histórico documento asinado hai 25 anos, maio de 1984, en Santiago de Compostela, por rexedores de todo o país. Acollía daquela a cidade un inédito xesto nacido do contorno municipal grazas á iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística a prol do impulso á lingua do país, e que era capaz de xuntar os representantes de 187 municipios. A "Declaración dos Alcaldes Reunidos en Santiago de Compostela" facíase eco da aprobación case un ano antes no Parlamento da Lei de Normalización e chamaba a atención sobre o feito de que, malia a publicación deste novo marco lexislativo as corporacións públicas aínda non planificaran actuacións de política lingüística para contribuíren a "unha efectiva normalización da lingua galega en todos os eidos da vida pública, social e cultural". "Non abonda coa declarada intención de que ninguén será discriminado por razón da lingua que empregue perante a administración", expoñíase no documento asinado polos rexedores, onde de paso se estabelecía un compromiso concreto para mirar polo galego no contorno local.

Daquela, os alcaldes propoñían por exemplo a creación de servizos municipais de normalización, valoración preferente do coñecemento do idioma galego nos programas para o acceso á función pública local, a programación de cursos de lingua galega para os funcionarios, a rotulación en galego das dependencias municipais, a elaboración na lingua do país de todo o caudal documental dos servizos administrativos e o deseño de campañas para a "dignificación e promoción" do uso da lingua galega.

Novos retos 25 anos despois
No 25 aniversario daquela histórica cita, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, integrada agora na plataforma Galeguizar Galicia, recupera o impulso daquela iniciativa cunha proposta á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Deste xeito, a institución que reúne a municipios de todas as cores políticas no país foi escenario recente do consenso de todas as forzas políticas a prol dun novo compromiso conxunto en favor da lingua.

Desta volta, e tal e como explica Xosé González Martínez, do concello de Redondela e promotor da propia Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, a iniciativa quixo poñerse novos compromisos concretos. Deste xeito, subliñáronse tres puntos que, indican, teñen que ver co cumprimento da lei de administración local de Galiza. Así, o documento obriga os asinantes a que...

1º)...Se tramiten en galego os procesos xurisdicionais nos que sexan parte as corporacións e, especificamente, que os avogados e procuradores que representan e defenden as administracións públicas se expresen habitualmente nesa lingua.

2º)...Se redacten en galego as escrituras públicas e as inscricións nos rexistros públicos promovidas polas corporacións locais, para o que se cursarán as instrucións oportunas aos seus asesores xurídicos.

3º)..Se incorpore o galego como lingua habitual de traballo das forzas da policía local, tanto a nivel interno como nas súas relacións cos cidadáns e coas demais administracións públicas, especialmente cos órganos xurisdicionais.

A maiores, a Fegamp estabelecerá no seu seo unha comisión de seguimento que lles garantirá ás corporacións o asesoramento adecuado para desenvolver estes compromisos e unificará uns criterios orientativos.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: