A cidade xa se está acostumando a organizar este tipo de eventos despois de encargarse durante os dous últimos anos dunha das probas da Copa de Europa.
A cidade de Pontevedra será a sede dos Campionatos de Europa do 2011 de triatlón, nas categorías elite, xúnior e de grupos de idade, segundo confirmou este xoves a Unión Europea de Triatlón (ETU). As carreiras vanse disputar entre finais do mes de xuño e comezos de xullo, e estímase que acheguen até a cidade entre dous mil e tres mil triatletas. Ademais das probas deportivas, desenvolveranse outras actividades paralelas como o Congreso da Unión Europea de Triatlón, o Comité Executivo da Unión Europea de Triatlón, e seminarios de adestradores e oficiais.
A ETU aceptou a candidatura na que participaron conxuntamente a Federación Galega de Triatlón, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para o Deporte; e que previamente recibira a aprobación da federación estatal. Isto confirma a Pontevedra como unha sede habitual de grandes citas de triatlón, despois de organizar nos últimos dous anos cadansúa proba da Copa de Europa da modalidade.
Ao coñecer a noticia Vieiros púxose en contacto con Omar González, director técnico de triatlón no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e adestrador persoal de Gómez Noya. González afirmou que no triatlón galego están "moi contentos porque é unha das probas máis importantes do ano e supón un orgullo correla na casa, ademais de dar aos deportistas unha motivación especial". Alén de traballar con Gómez Noya adoita traballar cos valores de futuro con que conta o triatlón galego, e ao falar sobre eles afirmou que " para estes mozos e mozas ten que ser un estímulo saber que en dous anos van ter un campionato deste tipo diante da súa casa".