O programa Hippocampus criou en catividade exemplares desta especie e estudará durante un ano os seus hábitos no medio mariño.
Investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) probaron a reintrodución no mar de exemplares de cabalos mariños criados en catividade. A solta tivo lugar na Illa de Arousa e trátase da primeira experiencia deste tipo a nivel mundial.
Os científicos pretenden coñecer máis sobre o comportamento desta especie de peixe en liberdade e das súas características biolóxicas e reprodutivas, como a súa lonxevidade ou a idade de madurez sexual e se se poderán adaptar ao medio natural despois da súa vida nun laboratorio.
Ceibáronse 10 exemplares da especie Hippocampus guttulatus, a máis abundante nas nosas augas deste xénero de animais. Os exemplares, xeneticamente seleccionados para non alterar a diversidade da zona, están equipados cuns marcadores subcutáneos que permitirán o seu seguimento durante, polo menos, un ano.
A iniciativa é a culminación do proxecto Hippocampus, iniciado en 2006, a primeira investigación desta especie de cabalo mariño. Segundo explicou o coordinador do proxecto, Miquel Planas, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, o seguimento será máis intenso nunha primeira etapa, "porque agora empeza a época de reprodución". Outro dos obxectivos da experiencia e avaliar a viabilidade dunha posíbel reintrodución controlada que contribúa á recuperación dunha especie ameazada.
Xa no ano 2006 foron os primeiros en conseguir a reprodución en catividade destes cabalos mariños. "O ano pasado conseguimos 12 exemplares -dos que 10 se acaban de reintroducir no mar- e este ano temos xa unha trintena de crías", dixo Planas, que engadiu que están a conseguir unha alta taxa de supervivencia.
O cabalo mariño
Existen 34 especies de cabalos mariños no mundo, das que dúas viven nas nosas costas, o Hippocampus guttulatus e o Hippocampus hippocampus, máis raro. Son peixes moi singulares polas súas características físicas e reprodutivas, pois é unha das poucas especies en que o macho pare as crías.
Entre os obxectivos do proxecto estivo analizar se realmente esta especie era monógama, como se pensaba e desmentiron. Tamén estabeleceron unha metodoloxía de alimentación baseada en artemia, un pequeno crustáceo usado na acuicultura.
O proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación e coordinado polo CSIC, coa participación da USC e do Instituto Canario de Ciencias Mariñas.