O blogueiro e xornalista Nacho Mirás será o encargado de inaugurar, este martes, os cursos, organizados pola Secretaría Xeral de Medios.
A Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia, que agora depende da Secretaría Xeral de Medios, pon en marcha unha ducia de titoriais interactivos para achegar as novas tecnoloxías da comunicación. O primeiro dos cursos, dentro da campaña Comunicarte, preséntase este martes no Centro Multimedia de Galicia e en seis telecentros. Tratará sobre como subir un vídeo ou unha fotografía a internet.
Dende Compostela, o xornalista e blogueiro Nacho Mirás encargarase de introducir e de presentar o primeiro dos titoriais aproveitando para facer un percorrido pola situación actual da blogosfera galega. No acto estará acompañado do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro. Será ás 17 horas.
A xornada poderase seguir por videoconferencia nos Telecentros de Comunicación de Oroso, Catoira, Abegondo, Lugo, Verín e O Barco de Valdeorras, onde se poderá traballar co titorial, accesíbel a partir do martes nos distintos telecentros para o seu uso.
Os titoriais, desenvolvidos con tecnoloxía Flash, están pensados para un público que non precisa ter coñecementos informáticos e tratarán sobre temas relacionados co mundo das TIC e cos distintos servizos e oportunidades que internet ofrece na actividade diaria: o acceso á banca electrónica, a tele-administración, a formación on-line ou as redes sociais. Comunícate pretende potenciar o papel dos Telecentros como alternativa habitual de lecer da cidadanía e como puntos de referencia no acceso ás novas tecnoloxías no ámbito da comunicación.