Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
ENTREVISTA

Con Antón Baamonde

Piñeiro tiña un elemento de samurai, de persoa que fai o que cre que é o seu deber nun momento determinado”

Antón Baamonde, filósofo, profesor e escritor vén achegándose á figura de Ramón Piñeiro tratando de analizar o traballo deste persoeiro no contexto en que se levou a cabo e coa distancia e a serenidade que ofrecen as dúas décadas transcorridas dende o pasamento do autor lancarao. Por parte, coñeceu a Piñeiro persoalmente, pasou pola súa famosa mesa de braseiro de Xelmírez 15 e por iso conta tamén coa visión persoal sobre unha figura fundamental na Galicia da segunda metade do século XX

Aldegunde Quiñones - 23:45 29/06/2009

Cal foi o labor político de Piñeiro nos primeiros anos da posguerra?

Un traballo de reconstrución. O Partido Galeguista recompóñeno no interior membros das Mocidades Galeguistas, especialmente Xaime Illa Couto, Francisco Fernández del Riego e o propio Ramón Piñeiro. Eles foron os que se puxeron en contacto co que quedaba no Partido Galeguista, entre as que destacaban Manuel Gómez Román, que fora o secretario xeral do PG e figuras coma Otero Pedrayo.

Cal é a orixe das diferenzas que mantivo Piñeiro cos exiliados de Bos Aires?

Houbo tensións porque os que estaban no exilio consideraban que había que restaurar a República tal cal e poñer en obra o estatuto que fora aprobado no 36, mentres que os do interior estaban máis abertos a outras posibilidades. Empezouse a ver que a cousa non ía ser doada no ano 1945, cando acaba a II Guerra Mundial e cando as expectativas dunha caída de Franco non se ven confirmadas. Pasaron toda a súa vida, e iso é o dramático da súa existencia, agardando pola volta da democracia, a liberdade e a autonomía.

A XERACIÓN GALAXIA

Con que intención se creou a Editorial Galaxia?

Abafados polo franquismo, polo peso da derrota, por un horizonte que non se vía fácil, intentaron adoptar formas máis realistas, e de aí vén a creación de Galaxia. O galego estaba prohibido, un profesor non podía dar as clases en galego, non estaba permitido o seu uso público... Nesas condicións tan difíciles a Xeración Galaxia intentou unha acción cultural que fixese a Galicia máis consciente, máis orgullosa de si mesma, cun menor sentimento de inferioridade. Foi un labor decisivo dun grupo de persoas que formaron unha especie de xeración de interregno marcada pola derrota: chegaron demasiado cedo para a República e demasiado tarde para a democracia.

Por que acometeron a tradución de Da esencia da verdade do filósofo alemán Martin Heidegger?

Fan con consciencia esta tradución dunha obra especialmente difícil de Heidegger para demostrar que o galego é algo máis que un idioma válido para a poesía ou o uso popular. É dicir, que pode ser un idioma de pleno dereito no ámbito máis duro do pensamento.

Por que se interesou polo tema da saudade?

Piñeiro cría que a saudade era unha forma específica galega ou do universo galego-portugués unha forma de sentimentalidade que nos caracterizaba como pobo. Cómpre lembrar que Piñeiro viviu experiencias moi duras, que pasou tres anos no cárcere, que neses tres anos estivo a punto de perder a vista, que nese período tivo unha experiencia da condición humana e nunhas circunstancias tan duras como son as da prisión apréndese o que é a soidade, a enorme soidade que cada un de nós leva dentro de si. E se esa soidade adquire modulacións que teñen que ver co pobo ao que un pertence, como cría Piñeiro que ocorría na comunidade lingüística galegoportuguesa, chegamos a unha forma especial de interactuar co seu medio xeradora dunha emoción ou sentimentalidade propia que é o que chamamos saudade.


O PIÑEIRISMO

Por que nos anos 60 as novas xeracións se distanciaron da liña política de Piñeiro?

Eles foron uns rapaces que dun modo un pouco insolente contestaron aos seus maiores -que eran Castelao e os outros membros do Consello de Galiza – nos anos 40 cando asomen a representación do Partido Galeguista que asistiron cando eles eran maduros a que outros rapaces (Ferrín, Beiras, etc.) os contestaran a eles, porque a propia xente que eles educaron e que pasaron polo proceso socrático a mesa de braseiro de Piñeiro rebeláronse contra eles buscando formas políticas máis fortes.

O piñeirismo foi unha doutrina acertada?

Eu non estou seguro de que exista iso que chaman piñeirismo, porque na vida de Piñeiro houbo fases moi diferentes. O que a xente entende por piñeirismo é suprimir a actividade política en beneficio da acción cultural, o chamado culturalismo. Eu creo que hai certo engano nisto porque ata o último día dos seus Ramón Piñeiro si que tivo unha acción política. Este término usárono os inimigos de Piñeiro que talvez non entenderon o que intentou facer ao longo da súa vida. E non só Piñeiro, porque se un le as memorias de Paco del Riego encontrará que mantivo -con diferenzas, por suposto- unhas posicións moi parecidas ás de Piñeiro. En calquera caso el posuía un elemento de samurai, de persoa que fai o que ten que facer porque cre que é o seu deber sen ter en conta que a uns lles guste ou a outros lles desguste ou como quede no libro de texto futuro.

No balance da acción política de Piñeiro, que é o máis destacable?

El insistiume especialmente neste punto, que el vía como un logro da súa xeración: evitar que Galicia quedase marxinada no proceso de negociación dos estatutos de autonomía e a aprobación da Lei de normalización lingüística que foi a que fixo posible que o galego teña presenza no ensino e na vida pública en xeral, cousa que ata ese momento non existía dun modo regulado.

Este ano de Piñeiro permitirá observar a súa figura cunha nova ollada?

Así debería ser. Agora que estamos noutro século e nun momento moi diferente e xa podemos ter máis serenidade e distancia no criterio temos que ser ecuánimes e saber cales foron os seus acertos e os seus erros para velo sen xulgalo tanto, sen saber de partida como temos que decidir como debemos de considerar a Ramón Piñeiro e a toda a súa xeración senón máis ben intentar entendela no seu contexto histórico e na vida que lles tocou vivir.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: