O cantante estadounidense tiña 50 anos. Ás portas do hospital ao que foi levado amoréanse arestora os seus seguidores.
O cantante norteamericano Michael Jackson finou na noite desta quinta feira, a causa dun paro cardíaco, na súa casa dos Ánxeles. Tiña 50 anos.
Os servizos médicos acudiron á súa morada á noitiña (hora galega) alertados por unha chamada. Atoparon a Jackson xa inconsciente e sen respiración. Tras tentar reanimalo sen éxito, levárono até o hospital onde finalmente finou. Centos de seguidores do coñecido coma o Rei do Pop reuníronse ás portas do predio. Jackson anunciara que este ano había volver ao escenario, e, de feito, xa tiña programados algúns concertos en Londres.
O Rei do Pop
Michael Jackson naceu o 29 de agosto de 1958 en Gary (Indiana, EUA). Tiña catro irmáns, cos que formou o grupo The Jackson Five. Con Jackson Five, Michael subiu por primeira vez aos escenarios cando tiña nove anos.
No 72 debutou en solitario, xusto 10 anos antes de sacar á venda Thriller o seu segundo traballo como solista, que conseguiu ser o disco máis vendido na historia da música. Vendeu máis de 68 millóns de copias só nos EUA, e calcúlase que na actualidade leva vendidas máis de 109 millóns de copias en todo o mundo, segundo o Libro Guinness.
Un ano despois, no 1983, Jackson popularizou o moonwalk (vídeo, interpretando o tema Billie Jean), un paso de baile no que emprega a punta dos pés, e vai camiñando cara atrás. No 1994 casou con Lisa Marie Presley, a filla de Elvis Presley, mais divorciáronse pasados dous anos. Jackson volveu casar con Debbie Rowe, con quen tivo dous fillos. En toda a súa carreira gañou 13 premios Grammy da música.
Para saber máis