Os tres grupos confirmaron esta quinta feira que votarán xuntos para poñer na alcaldía a Martín Urgal (PP) en substitución de Antón Araúxo (BNG).
Concello de Gondomar
Logo de apartaren do liderado do PP local o ex alcalde Carlos Silva, condenado por prevaricación urbanística e pendente da resolución do recurso que presentou fronte á sentenza, os populares conseguiron á fin o consenso co PSOE e coa formación Movemento Veciñal de Gondomar para a presentación dunha moción de censura. Deste xeito, o escrito que achegaron este xoves na Casa do Concello propón como candidato á alcaldía a Martín Vicente Urgal Alonso.
Nun comunicado, Silva argumenta para a súa renuncia a liderar a volta do PP ao poder no municipio pontevedrés o proceso xudicial no que está inmerso e di esperar que "non afecte nin interrompa a corrente de cambio que se inicia en Gondomar". "Os tempos xudiciais son os que son e Gondomar, agora mesmo, non pode esperar", afirma o ex alcalde que, así e todo, asegura que vai formar parte do novo goberno municipal que terá como rexedor a quen até o de agora foi súa man dereita. O pleno no que se debaterá a moción quedou fixado para o martes 7 de xullo ás 12 horas.