Fernández Ordoñez apuntou á suba de impostos indirectos e á redución do gasto como medidas necesarias para saír da crise.
Poñer freo a un déficit que este ano se achegará até o 10%. Esta é a formula do gobernador do Banco de España, quen este martes lanzou un novo sinal de alerta ao executivo. Para rebaixar ese déficit, Fernández Ordóñez propón reducir o gasto público e subir os impostos indirectos. Así, segundo as súas palabras nunha comparecencia diante do Congreso, "non se poderá evitar" unha reforma laboral, que considerou necesaria. Ao tempo, advertiu que as subidas salariais danarán os niveis de emprego.
Doutra banda, adiantou que os datos de conxuntura do segundo trimestre do ano permiten albiscar unha mellor evolución. Lanzou así unha mensaxe de contida confianza, ao asegurar que a desaceleración da economía está xa a ser inferior que no trimestre anterior. Porén, asegurou que o executivo "xa esgotou as posibilidades de actuación expansiva da política fiscal" polo deterioro do saldo das Administracións Públicas, que exixe unha estratexia de corrección, cunha "execución presupostaria estrita e medidas enérxicas" para recuperar a confianza dos axentes económicos na economía.
Despedimentos baratos e salarios moderados
A petición dunha maior flexibilidade do mercado laboral non é exclusiva do Banco de España. Tamén o Banco Central Europeo pedía ao Estado Español que poña en marcha unha reforma que permita despedimentos máis baratos, xa que segundo Jean Claude Trichet "o actual sistema de protección laboral é excesivamente oneroso para as empresas". Así, recomendou que se instaure a moderación salarial e que as subas non se vencellen ao incremento da inflación.