Un total de 17 padexeiros integrados no equipo estatal fan que os primeiros campionatos internacionais absolutos do novo ciclo olímpico teñan un marcado acento galego.
José Luís Bouza
O vindeiro xoves día 25 comezan na localidade alemá de Brandenburgo os Campionatos Europeos de Piragüismo en augas tranquilas. Até alí desprázanse algúns dos máis destacados padexeiros do país, entre os que destaca a ausencia do campión olímpico David Cal. Si estará o outro padexeiro que comparte este rango, Carlos Pérez, e as outras dúas olímpicas do país: Teresa Portela e Sonia Molanes.
Así, o equipo galego está composto por nove competidores na categoría de kayak e outros oito na de canoa. En kayak estarán Teresa Portela, Sonia Molanes, Ana Varela, Carlos Pérez, Borja Prieto, Jovino González, Victor Javier Rodríguez, Diego Piña e Iván Alonso. O grupo de canoa fórmano José Manuel Sánchez, Manuel Antonio Campos, Damián Ramos, Diego Romero, Daniel Costa, Yeray Picallo, André Oliveira e José Luís Bouza. O caso deste último merece unha mención especial, xa que compite en C1 1000 metros e gañoulle a praza ao campión olímpico da distancia, David Cal.
O campionato de Brandenburgo dá a saída a un novo ciclo olímpico e servirá para ver como o futuro do noso piragüismo se mistura cos talentos consolidados que lles han de amosar o camiño para chegar da man até Londres 2012.