Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na clausura do V Congreso da Central Sindical

Seixo critica a "onda neofranquista" do PPdeG e aposta pola loita sindical "para transformar o modelo vixente”

O secretario xeral da CIG, que repite mandato, cre na "necesidade" de convocar unha folga xeral e rexeita a "cruzada contra o galego".

Redacción / EP - 08:00 22/06/2009
Suso Seixo, durante o seu discurso final / Imaxe: CIG

Suso Seixo, durante o seu discurso final / Imaxe: CIG

O acabado de reelixir secretario xeral da CIG, Suso Seixo, criticou no seu discurso a "onda neofranquista" do PP que, ao seu xuízo, "impón unha visión xacobina do Estado" e "nega calquera elemento diferenciador", polo que avogou pola loita sindical "para transformar" o modelo económico e político vixente.

Seixo, que revalidou este domingo por terceira vez o seu cargo á fronte da Secretaría Xeral da CIG, criticou así a política "da dereita en Galiza", e incidiu no contexto de crise económica que a central sindicalista "combaterá" durante os próximos catro anos, cun Goberno "con tufo neofranquista", asegurou.

Así, censurou a política lingüística da Xunta en ámbitos como a educación e o acceso á función pública, no que viu unha "cruzada contra o galego" en busca da súa "marxinalización absoluta".

Contra os "señoritos que caciquearon Galiza", folga xeral

Para Seixo, o Executivo de Alberto Núñez Feijoo "segue os esquemas mentais dos señoritos que gobernaron, explotaron e caciquearon Galiza", acusación que provocou un aplauso prolongado nas bancadas.

Nesta liña, aludiu á "obriga" da acción sindical respecto da "masa traballadora", nunha situación do sindicato galego que cualificou como a "mellor na historia do sindicalismo nacionalista", xa que se sitúa como segunda forza na comunidade, por diante de CCOO.

En canto ás medidas adoptadas polos gobernos galego e estatal para paliar os efectos da crise, Seixo denunciou que "non son alternativas nin solución", senón que "tentan facer que traballadores e contribuíntes paguen o que provocaron outros". Nesta liña, apuntou aos "señores do pelotazo e da economía ficticia" -en alusión aos axentes da economía "especulativa"- como os "verdadeiros culpábeis", xunto coa patronal "que agora se dedica a abaratar o despedimento".

"Pretenden que paguemos dúas veces pola crise que crearon", insistiu, polo que concluíu que "só queda unha saída", que concretou na "aposta polo cambio de modelo" e para o que reivindicou "a vía da mobilización". Deste xeito, apostou pola "necesidade" de convocar unha folga xeral, defensa na que, segundo dixo, a central nacionalista "quedou soa".

Respecto de cuestións organizativas, sinalou que a CIG buscará durante os próximos catro anos "reforzar a súa estrutura territorial" , "dar un forte pulo" á figura do secretario de organización e "ampliar as garantías" para dar cabida "ao diálogo e á participación".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: