O Goberno e as catro deputacións recoñecen co premio o labor investigador do escritor, historiador e xornalista ourensán.
Marcos Valcárcel
O escritor, historiador, xornalista e blogueiro Marcos Valcárcel recibiu este sábado ao mediodía o premio Otero Pedrayo, concedido pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais para recoñecer a súa traxectoria como investigador.
Na decisión do xurado tívose en conta a "longa traxectoria de Marcos Valcárcel como investigador, erudito e divulgador", ao que se suman "outras disciplinas como dinamizador cultural, xornalista de opinión, docente e conferenciante". Para o grupo de expertos, prémiase "unha vida dedicada á cultura e ao coñecemento", e mais "un talante aberto, dialogante, galeguista e, en definitiva, universal".
O ourensán Marcos Valcárcel é doutor en Xeografía e Historia e catedrático de Lingua e Literatura Galegas. Nos seus traballos de investigación dedicoulle a meirande atención á historia cultural e literaria, ademais de á historia política entre 1900 e 1936 e ao estudo do galeguismo.
Valcárcel publicou 10 libros de ensaio, 12 en coautoría, foi coordinador de sete obras e publicou ducias de traballos e de artigos en congresos e en revistas especializadas. Mantén, ademais, o blog As uvas na solaina.
O acto, no Teatro Principal de Ourense, consistiu nunha intervención musical, un recital poético e a propia entrega do premio coa presenza de representantes das diferentes institucións organizadoras.