Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN LUGO, SANTIAGO E A CORUÑA

Os gandeiros trasladan as protestas ás áreas comerciais

Denuncian a competencia desleal das distribuidoras, que venden como leite envasado en Galiza un produto comprado fóra a moi baixo custo.

Isabel G. Couso - 14:35 19/06/2009

Lugo foi a cidade na que houbo maiores disturbios nos actos de mobilización dos gandeiros. Preto duns 500 irromperon no hipermercado Eroski, no Centro Comercial As Termas, onde tiraron cartóns de leite ao chan, ademais de rachar envases de fariña e de ovos. Con esta acción, denuncian a fraude e as prácticas ilegais de dumping coas que actúan as grandes distribuidoras, mercando o leite fóra a un prezo tan por baixo do custe do galego, que os gandeiros non poden competir.

Mentres, na Coruña formáronse outros dous grupos, un dirixiuse cara o Carrefour de Alfonso Molina e o outro cara o Alcampo, á entrada da cidade. En Santiago de Compostela, a área comercial escollida foi a do Lidl do polígono de Costa Vella. Alí, outros 400 gandeiros manifestáronse perante pancartas con lemas como "Exiximos garantía de recollida e prezo" e os representantes sindicais mercaron catro carros de leite envasada en Galiza, mais probabelmente mercada fora. O obxectivo era facer un acto simbólico, mais que non levase canda si ningunha violencia. O leite mercado foi logo entregado á Cociña Económica: "polo menos que alguén que o necesite tire beneficio da miseria na que están a converter o rural", dixeron.

Unión sindical
Desta vez, a convocatoria foi amparada por todas as organizacións sindicais (Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores), ademais da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias. Os que non se sumaron foron Gandeiros Unidos, a organización que protagonizou en solitario a última das tractoradas vivida en Compostela o pasado xoves. Os manifestantes anunciaron que realizarán máis accións de protesta nos vindeiros días.


4,5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: